Fernanda Tabarés, nominada nos premios Mestre Mateo

La Voz SANTIAGO

CULTURA

A serie «Matalobos» e as longametraxes «O Apóstolo» e «Invasor» parten como favoritos na noite do audiovisual galego

15 feb 2013 . Actualizado a las 18:49 h.

A xornalista e directora de V Televisión, Fernanda Tabarés, está nominada ó premio Mestre Mateo ó mellor comunicador de televisión. Os premios do audiovisual galego recoñecen así o traballo da presentadora do programa Vía V, que emite V Televisión de luns a venres a partir das 21.40 horas. Tabarés loitará polo premio coa presentadora dos informativos de TVG Ana Pérez, o humorista Xosé A. Touriñán e a conductora do espazo Zig Zag da TVG, María Solar.

Dúas longametraxes encabezan a listaxe das máis votadas na ronda previa das candidaturas aos premios Mestre Mateo que se entregarán no vindeiro mes de abril. A animación de O Apóstolo rivalizará coa intriga de Invasor. As dúas producións sumaron dez candidaturas para os premios do audiovisual galego aínda que a primeira non compite en ningunha das categorías de interpretación.

Por outra parte, o premio de honra que concede a directiva da academia foi este ano para o programa da Televisión de Galicia Xabarín Club.

Con seis candidaturas, a recén finalizada serie Matalobos volve ocupar un dos primeiros lugares nas preferencias da Academia do Audiovisual que organiza estes premios. Entre os seis, figura o de mellor serie, en competición con Padre Casares.

Nos premios individuais, Fernando Cortizo, é candidato como guionista e director de O Apóstolo. Na interpretación másculina de reparto Invasor ten dous candidatos, Antonio de la Torre e Karra Elejalde, que competirán con Tacho González en Padre Casares e Luís Zahera en Todo é silencio.

Mabel Rivera por Concepción Arenal, Inma Cuesta por Invasor, Mara Sánchez por Libro de Familia e Sonia Méndez por O Sexo dos anxos son as candidatas como actrices de reparto.

Na interpretación protagonista mandan as series. Luis Iglesia é candidato por Matalobos, Antonio Durán Morris é por Padre Casares, e Federico Pérez por Era visto. A excepción é Luís Tosar, nominado por Operación E.

Entre as actrices protagonistas volven a ser protagonistas as producións para televisión. Isabel Naveira é candidata por Matalobos, Blanca Portillo por Concepción Arenal. Nas longametraxes, Celia Freijeiro está nominada pola película Todo é silencio, e Sabela Arán por Vilamor.

As candidatas como mellor película son O Apóstolo, Invasor, Lobos de Arga e Vilamor.

Entre os candidatos a mellor realización figura Xavier Jácome, polo programa Lendas Vivas, de V Televisión.