-¿A súa formación artística dálle unha ollada diferente?
-A miña formación ven das belas artes, pero as belas artes non me formaron para nada. Non creo que haxa unha diferenciación entre as artes mais alá das características concretas de cada soporte. O que si é certo, é que non teño o medo ó erro que poden ter persoas que se alimentan exclusivamente de cine, e iso pódese notar no resultado final en canto á formalización se refire. A miña formación é basicamente autodidacta, non creo nas academias en relación con conceptos coma a beleza ou a arte. Penso que son innecesarias e ridículas en calquera caso.
-¿Que pensa do chamado novo cinema galego?
-Penso que é unha das cousas mais interesantes que nos está a pasar neste país dende hai moitos anos. Paréceme que é un bloque heteroxéneo de propostas que están a funcionar moi ben en todo o mundo, e esa é a proba de que se está a facer algo potente dende a nosa terra.