O políglota que participou na fundación da UPG en 1963

l. pousa < / span>

CULTURA

26 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Éun dos máis destacados intelectuais da miña xeración», subliñou onte Xosé Luís Méndez Ferrín en referencia a Xosé Antón Arjona de Santiago, un daqueles galeguistas que naceron na década de 1930-40. Como lembrou o presidente da Academia, Arjona veu ao mundo na Coruña en 1934, onde se atoparía cun primeiro núcleo do nacionalismo galego do que formaban parte o seu inseparable Reimundo Patiño, Xoán Casal e José Luis Aranguren, entre outros.

Xa en Madrid, Arjona xuntouse de novo con Patiño e outros compañeiros para fundar, en 1963, «a primitiva UPG», segundo relatou o propio Ferrín. Un proxecto que quedaría parcialmente conxelado para dar paso á creación dun Consello da Mocedade no que coincidirían de novo Arjona, Patiño e Ferrín antes de fundar «a segunda UPG» en 1964 en compañía xa de outros intelectuais como Luís Soto ou Celso Emilio Ferreiro.

De regreso en Vigo en 1965, Arjona, formado en universidades como a Sorbona ou a London School of Economics, dedicouse aos seus estudos de economía, política, historia e etnografía. «Era un home de moitos silencios e un traballador incansable», lembrou Ferrín, que subliñou os seus coñecementos lingüísticos -«de toda a xente que coñecín na miña vida el é o que máis idiomas sabía», destacou- e a súa profunda análise do pensamento marxista, do que completou unha biblioteca única en Galicia.

Entre os volumes que agora pasan aos fondos da Real Academia Galega figuran obras de Marx, Engels, Lenin Stalin, Trotski, Mao Tse-Tung, Rosa Luxemburgo, Gramsci ou Georg Lukacs.

Ao longo da súa vida, Arjona publicou os seus ensaios e estudos en Grial, a Revista de Economía de Galicia que dirixía Xosé Manuel Beiras e mesmo nunha cabeceira como Signo, que editaba Acción Católica, e que foi pechada fulminantemente tras un número no que colaboraban, ademais do propio Arjona, o actual presidente da Real Academia Galega.