A Academia suma á súa biblioteca inéditos de Cabanillas e Arjona

Luís Pousa Rodríguez
Luís Pousa A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

<span lang= gl >Manuscritos de Ramón Cabanillas</span>. Entre o material que vén de recibir a biblioteca e o arquivo da RAG figuran o mecanoscrito orixinal de «A rosa de cen follas» (arriba), co exlibris de Isidro Parga Pondal e a dedicatoria do autor a Enrique Peinador. Á esquerda, poema manuscrito de Cabanillas cedido á Academia.
Manuscritos de Ramón Cabanillas. Entre o material que vén de recibir a biblioteca e o arquivo da RAG figuran o mecanoscrito orixinal de «A rosa de cen follas» (arriba), co exlibris de Isidro Parga Pondal e a dedicatoria do autor a Enrique Peinador. Á esquerda, poema manuscrito de Cabanillas cedido á Academia.

A viúva do intelectual marxista cede 60 caixas co seu arquivo completo

26 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

«Temos o máis completo arquivo anarquista ao que agora sumamos o mellor arquivo marxista de Galicia. Confiemos en que na paz da nosa biblioteca se reconcilien Bakunin e Marx». O presidente da Real Academia Galega, o poeta Xosé Luís Méndez Ferrín, bromeaba así sobre o valioso material que onte recibiu a corporación de mans de Natalia Gómez, viúva do intelectual galeguista Xosé Antón Arjona de Santiago, un dos máis minuciosos marxistas da xeracións dos anos trinta e, segundo apuntou Ferrín, un «consumado políglota» que reuniu na súa biblioteca rarezas únicas no país como as obras completas de Lenin en ruso ou a edición canónica en alemán dos textos de Marx e Engels.

A doazón, que aínda está a ser catalogada polos expertos da Academia, está composta por sesenta caixas que conteñen a biblioteca e o arquivo completos de Arjona, incluíndo os seus cadernos de notas e importantes documentos inéditos que agora serán estudados na RAG.

Este material súmase así á recente doazón do mecanoscrito orixinal do poemario A rosa de cen follas, de Ramón Cabanillas, cunha dedicatoria do autor a Enrique Peinador. O volume foi cedido á Academia por Jorge Parga Peinador, fillo de Isidro Parga Pondal e neto de Enrique Peinador Lines, fundador do Balneario de Mondariz, onde o propio Cabanillas viviu e escribiu durante unha temporada.

Xunto ao mecanoscrito, Jorge Parga entregou á biblioteca da RAG o resto do arquivo de Eduardo Pondal (do que tamén é sobriño-neto) e outro material manuscrito de Cabanillas, como o poema relixioso dedicado á Virxe que se reproduce nesta páxina, no que se poden ver as emendas e correccións introducidas polo autor durante o proceso da escrita.