A Xunta incrementa ata 520.000 euros a súa dotación á Academia

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Ferrín encabezou a representación da RAG que se reuniu onte con Feijoo e Vázquez.
Ferrín encabezou a representación da RAG que se reuniu onte con Feijoo e Vázquez. Xoán a. Soler< / span>

Ferrín considera que é unha aportación «insuficiente, pero de agradecer»

10 ene 2013 . Actualizado a las 11:01 h.

A reunión que o presidente da Xunta de Galicia mantivo na mañá de onte con directivos da Real Academia Galega saldouse cun incremento da dotación que o Goberno autónomo destinará a esta institución. A RAG recibirá «como mínimo» da Xunta 520.000 euros. Con esta achega, as aportacións comprometidas para o seu financiamento no 2013 chegan a 861.000, sumados os 341.000 euros procedentes do Goberno central.

O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, sinalou tras a reunión con Alberto Núñez Feijoo que a ampliación da partida que a Xunta destinaba á RAG desde os 287.265 euros que inicialmente figuraban nos presupostos ata os 520.000 que finalmente se destinarán, permitirá «un funcionamento normal da Academia e dos seus cometidos». O presidente da RAG cualificou esta última cantidade como «insuficiente, pero de agradecer». Méndez Ferrín apuntou que a cantidade que se podería considerar ideal nestes momentos para a Academia sería «un millón de euros», pero apuntou que había que agradecer á Xunta a súa decisión de modificar as partidas destinadas á RAG.

O presidente descartou ter que facer cambios no cadro de persoal da institución, decisión que, segundo explicou, «sería o último que se faría». Ferrín apuntou que con esta asignación pódese «manter a actividade propia da RAG, os seminarios, as investigacións e as súas actividades fundamentais» aínda que lembrou que aínda así non se poden recuperar algunhas actividades e determinadas publicacións que xa se deixaron de acometer en canto comezaron a minguar os ingresos. Ferrín tamén agradeceu á sociedade civil galega a preocupación pola situación da Academia.

Máis achegas puntuais

O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, explicou tras a reunión mantida cos responsables da Academia que a achega de 520.000 non se reduciría en ningún caso e apuntou que «podería ser incrementada puntualmente coa contribución da Xunta a algunhas actividades concretas da Real Academia como poden ser os actos do Día das Letras Galegas ou outros similares».

Vázquez Abad apuntou que a Xunta recoñecía o gran traballo que desenvolvía a RAG e que as conversas con esta institucións sería continuas. Na reunión participaron os dous presidentes, Feijoo e Ferrín, xunto con Vázquez Abad e o responsable de Política Lingüística, Valentín García. Pola Academia participaron tamén Xosé Luís Axeitos e Manuel González.