Amancio Liñares: «Escribir é denunciar, soñar e intentar transformar o mundo»

nacho mirás SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

29 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

En realidade, non hai un só Fiadeiro, senón ata 205: os que Xosé Amancio Liñares Giraut (Negreira, 1961) vén de recoller nun libro que concentra as súas colaboracións na edición de Santiago de La Voz de Galicia desde o 2001 ata maio deste ano. Di o autor que o título da obra, O Fiadeiro (3C3 Editores) xoga coas distintas acepcións do vocábulo fiadeiro: persoa que fía, alguén de quen poder fiarse, persoa que avala a outra, lugar e xuntanza nocturnas nas casas galegas para leriar, cantar, contar historias, facer xogos...

Liñares conta que a propia imaxe que ilustra a portada, na que se ve un hórreo desfeito, cheo de hedras, cun cable que cruza, un paisaxismo feo, «responde a esa idea de que hai moito que cambiar no mundo no que estamos. Pero tamén hai nesa fotografía un ceo azul, símbolo do que está por facer».

Xosé Amancio Liñares é un inconformista declarado que escribe «porque escribir é denunciar, soñar con outras realidades e comprometerse para intentar transformar o mundo que nos tocou vivir».

Os Fiadeiros que se recollen no libro correspóndense, en realidade, coa terceira década de colaboracións do profesor Liñares en La Voz de Galicia. Van alá máis de trinta anos desde que publicara o seu primeiro artigo, ao que seguiron moitos máis nas décadas do oitenta e dos noventa. «A diferenza desta terceira época é que se trata xa dun xornalismo máis concentrado, textos máis breves, axustados e concisos, non como aqueles de dous folios e medio que che permitían facer un xornalismo distinto; é a ditadura da columna».

Pero esas columnas de prensa conxugan ben o ensaio curto e o xornalismo literario, na tradición dos escritores que cultivaron a prosa nas páxinas dos diarios. Son artigos intemporais, á marxe do ritmo rápido e da crónica do acontecer cotián.

O fotoxornalista de La Voz Paco Rodríguez ilustra e enriquece con varias imaxes os Fiadeiros de Liñares. O libro, editado por 3C3 Editores dentro da colección Vilarnovo / Ideas e Realidades, conta coa colaboración dos concellos de Negreira e Barcala.