Baltasar tamén fala galego

Mar Torres LA VOZ

CULTURA

O programa Nadal en Rede, posto en marcha pola secretaría xeral de Política Lingüística, dinamizará as festas con cinco iniciativas pensadas para os nenos

24 dic 2012 . Actualizado a las 23:36 h.

«E ti, miña nena, seguro que fostes boa, que queres que che levemos de agasallo?». A pequena Patricia mira abraiada a faciana negra sorrinte do rei Baltasar, que a semana pasada estivo no colexio A Castellana, de Aranga, xunto a Melchor e Gaspar, para visitar aos nenos e falar un anaco con eles. A actividade forma parte do programa Nadal en Rede, o primeiro que se celebra, un ano despois da creación da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. É unha das cinco iniciativas que pretenden galeguizar estas festas: «Ampliar os usos da lingua galega, incrementar o seu prestixio e favorecer a súa visibilidade nos distintos ámbitos sociais». Os tres magos de Oriente, que esta semana estiveron en Aranga, visitaron tamén a nenos de infantil e primeiro ciclo de primaria dos colexios de Castro de Rei, Sober, Maside, Corcubión, A Baña, Aranga, A Lama, Cuntis e Mondariz-Balneario.

Este ano os reis falarán galego, e tamén escoitaremos cancións en galego en moitos concellos. Os encargados de impartir obradoiros de cantos de Nadal serán os músicos Pablo Díaz e Olga Kirk entre os días 27 de decembro de 2012 e o 4 de xaneiro de 2013 nos concellos de Mesía, Ribadavia, O Pereiro de Aguiar, Cerdedo, Cerceda, Moaña, Palas de Rei, Ames e Campo Lameiro. Dirixidos a asociacións culturais e veciñais e ao público en xeral, os obradoiros «perseguen a difusión de cancións en galego propias destas festas para que as celebremos na nosa lingua e mais a recuperación da tradición de interpretar nadais, aninovos e reis polas casas de cada aldea e vila do país».

Libro

Todos os concellos que participan na Rede de Dinamización Lingüística recibiron este ano un agasallo moi especial: O libro dos Reis Magos. Este volume, ilustrado por Marina Seoane, reúne unha serie de fermosos discursos redactados por 26 escritoras, «para que os Reis Magos, que chegan a Galicia cansos da súa viaxe e sen tempo para preparar unha alocución, poidan dirixirse aos nenos e nenas en galego».

As creadoras dos textos son Yolanda Castaño, Andrea Porto, Rosario Golmar, Celia Parra Díaz, Rosalía Morlán, Beatriz García Turnes, Oriana Méndez, María Solar, Lupe Gómez, Ledicia Costas, Helena Villar Janeiro, Elena Gallego Abad, Ana María Fernández, Antía Otero, Eva Lozano, María Canosa, Inma López Silva, Fina Casalderrey, Dores Tembrás, Mercedes Queixas Zas, Clara do Roxo, Concha Blanco, Anxos Sumai, Paula Carballeira, Rosa Aneiros e Teresa González Costa. O libro pódese descargar aquí.

Coas palabras das escritoras galegas moitos nenos comezarán a soñar coa noite máis máxica do ano, e tamén con que se fagan realidade todos os desexos anotados nas súas cartas. Para que os pequenos poidan escribila en galego, a Rede de Dinamización Lingüística creou un modelo de carta que se enviou a 94 concellos pertencentes a esta entidade e que, dende o web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, se pon agora ao dispor dos restantes municipios da RDL e de todos os nenos e nenas de Galicia. (Pódese descargar aquí).

E aínda que os nenos son protagonistas nestas datas tan especiais, o Nadal en Rede tamén pensa nos maiores. A eles vai dirixida outra das iniciativas: o catálogo dixital de regalos Este Nadal... agasalla en galego!, que se pode descargar e se difunde dende o web da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O catálogo recolle discos, libros, xoguetes, roupa, tecnoloxía ou produtos alimenticios, todos eles co denominador común de usaren o galego nos seus contidos ou no etiquetaxe. O obxectivo deste documento é «darlles a coñecer aos consumidores produtos en galego co fin de permitirlles aos galegofalantes ter regalos no seu idioma e mais co de apoiar as empresas de Galicia que optan por esta lingua. A Rede quere animar os consumidores a agasallar os seus seres queridos con produtos no idioma propio de Galicia».

O catálogo pódese descargar en aquí.