A Academia Galega negocia coa Xunta o seu novo financiamento

Luís Pousa Rodríguez
Luís Pousa REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Unha reunión abrirá mañá, xoves, o diálogo sobre o orzamento do 2013

19 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Xa ten data a reunión pendente entre a Real Academia Galega e a Xunta desde que, a finais de outubro, na sede da rúa Tabernas saltaron todas as alarmas ante o recorte do 50 % na partida consignada polo Goberno central para o seu financiamento. Ante a drástica redución desta transferencia de 682.000 a 341.000 euros prevista polo Ministerio de Cultura, a Academia decidiu solicitar a axuda do Goberno autonómico por entender que debería ser a Xunta quen compensase esa perda para poder manter a actividade dunha institución que consideran crucial para a cultura galega, na liña do apoio que presta a Generalitat de Cataluña ao Institut d?Estudis Catalans.

Polo medio das conversas cruzáronse uns comicios autonómicos e unha hipotética remodelación da Xunta, así que o encontro para negociar o financiamento da Academia quedou aprazado ata que Feijoo tomase posesión e nomease os seus conselleiros. Mañá xoves celebrarase finalmente en Compostela esa primeira reunión entre unha representación da RAG (encabezada polo seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, e o seu secretario, Xosé Luís Axeitos) e a Consellería de Cultura, pola que estarán presentes no encontro o seu titular, Xesús Vázquez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O conselleiro anunciou onte no Parlamento este primeiro encontro coa RAG e subliñou que no presente exercicio a Academia recibiu 1,2 millóns de euros, «dos que 550.000 foron achegados pola Xunta». Vázquez asegurou que de cara ao 2013 «se fará o máximo esforzo posible para continuar coa colaboración nas actividades e proxectos da RAG».

O secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, apuntou onte tras o anuncio do conselleiro que afrontan a reunión «con grandes esperanzas de entendemento» toda vez que a institución require o apoio da Xunta «para a súa pervivencia» e para manter a actividade de comisións como as de Toponimia ou Lexicografía «que están facendo un traballo excepcional polo país».