Os lectores mozos sustentan o peso da edición galega

O libro de texto e o xuvenil acaparan o 79 % dos exemplares


redacción / la voz

O informe Comercio interior do libro en Galicia 2011, que onte presentaron a Consellería de Cultura e a Asociación Galega de Editores, ofrece datos para trazar unha radiografía do sector nos últimos cinco anos. O traballo confirma a liña ascendente na produción das 48 empresas asociadas, que no 2011 editaron 2.156 títulos, un incremento do 32,9 % con respecto ao 2007, dos que 1.587 foron en galego, un aumento do 22,5 %. O número de exemplares tamén medrou: 3.364.584 o ano pasado (2.337.111 en galego), que superan nun 13,3 % os do 2007. Deste xeito, os selos manteñen un catálogo de títulos vivos de 13.994 obras, 10,708 en lingua galega.

Pero se as editoras galegas continúan a súa oferta en títulos e exemplares, a facturación non deixou de diminuír nos últimos anos. As vendas no 2011 foron de 1.949.256 exemplares, cun prezo medio de 13,94 euros, polo que a facturación total foi de 27,16 millóns, dos que 21,47 son de obras en galego. No 2007 a facturación situouse en 31,89 euros, polo que o descenso é do 14,8 % neste lustro. Un período no que tamén minguou o emprego nas editoras, que pasaron de 318 postos de traballo aos 236 do 2011; os colaboradores externos son quen acusan principalmente a baixada.

Neste contexto dominado pola crise, os lectores mozos son os principais destinatarios da edición e o seu soporte, ben sexa a través do libro de texto non universitario ou da literatura infantil e xuvenil. Segundo o informe, estes dous conceptos reúnen 79 % da produción de exemplares: un incremento do 29 % no 2011 fai que o libro de texto represente algo máis dun terzo da produción total. En termos de facturación, os manuais escolares suman o 45 %, porcentaxe que na edición en galego ascende ata 52,9 %.

Ademais, dáse a situación paradoxal de que a cota de mercado da edición galega no conxunto dos libros que se venden en Galicia é moi cativa: só un 16,1 %, 27,16 millóns, das vendas do 2011 corresponderon a volumes editados por selos galegos. Unha porcentaxe menor no caso dos títulos na lingua do país: 13,1 %.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos

Os lectores mozos sustentan o peso da edición galega