No congreso pontevedrés o historiador Xusto Beramendi abordou onte o papel de Paz Andrade no nacionalismo galego de entreguerras, comezando pola súa implicación nas Irmandades da Fala cando era estudante de Dereito en Santiago (1916-1918), ata o inicio da Guerra Civil en 1936.
O profesor subliñou a aportación do pontevedrés «como un afán de modernización de Galicia en todos os aspectos, económicos, políticos e culturais». Beramendi afondou no papel de Paz Andrade na construción do nacionalismo galego, a través da súa etapa estudantil, a posta en marcha do diario Galicia e a formación do Grupo Autonomista Galego, «que apostaba por unha república democrática» e logo coa fundación do Partido Galeguista.