Os aliados consideraron a Galicia zona bélica

Camilo Franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Vítor Mejuto

Emilio Grandío e Javier Rodríguez estudan o conflito en «War Zone» (Ediciones Eneida), un libro que esta tarde se presenta na FNAC da Coruña

11 dic 2012 . Actualizado a las 13:15 h.

A historia da Segunda Guerra Mundial en Galicia é moito máis que «nazis e wolfram», segundo explica o profesor Emilio Grandío quen, xunto con Javier Rodríguez, é autor de War Zone (Ediciones Eneida) que hoxe se presenta na FNAC da Coruña (19.30 horas).

O punto de partida para este libro é un estudo da clandestinidade na posguerra civil española, no que vai a aparecendo a relevancia que tivo o noroeste peninsular «polas reservas de wolfram, pola súa posición estratexia, polo paso de rutas marítimas diante das súas costas e polas aéreas». Pero ademais, segundo os profesores, «o noroeste peninsular figuraba como espazo posible de invasión tanto para os aliados como para os nazis, en especial o norte da Coruña e Lugo».

En War Zone explícase como se foron tecendo as redes, tanto aliadas como alemás, no territorio galego e os dous tipos de redes que foron creando ambos bandos: as redes de información, que eran redes de espionaxe, e «as redes de sabotaxe que actuaban en Galicia como zona en conflito».

Para estudar a Segunda Guerra Mundial en Galicia, os dous historiadores utilizaron fontes como o arquivo militar de Ferrol e os arquivos do Goberno británico. Segundo Grandío, a investigación no arquivo inglés deu moitos argumentos ao libro porque «Gran Bretaña considerou que Galicia e o noroeste peninsular era unha zona de guerra e como tal actuou fronte a ela».

Para os servizos bélicos ingleses «Galicia era un territorio de alta potencialidade», ademais de polo réxime franquista, pola súa situación e polo mineral, «pola proximidade de Portugal e a ambigüidade dese país no conflito».