Quique Peón leva «Amizade» ao Certame de Coreografía de Madrid

Dolores Vázquez A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Un momento da representación da peza «Amizade».
Un momento da representación da peza «Amizade». guiller zulueta de madariaga< / span>

Ao concurso acoden unha obra galega contra seis flamencas

06 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Unha obra galega contra seis flamencas é o balance do apartado de compañías do Certame de Coreografía de Danza Española e Flamenco que se celebra esta semana en Madrid. Quique Peón Cía é a rara avis que logrou ser seleccionada para defender unha proposta non monocorde.

Este venres os bailaríns desta compañía representarán Amizade, o cuarto acto da obra Alendacroa, o último espectáculo da compañía, que foi estreado en xaneiro no coruñés Teatro Rosalía. É a primeira vez que optan a participar neste certame -«estamos moi emocionados coa escolla», din- e a peza foi seleccionada porque é o máis galego de todos os actos. «Fala máis de nós», explica Quique Peón, recoñecido polo seu labor de investigación etnográfica en Galicia e que hai catro anos montou unha compañía coa que explora outras vertentes da danza partindo da tradición. «Esa coreografía mostra a uns amigos que se coñecen, xente dun mesmo pobo que se seguen e se axudan durante o camiño da vida», di sobre a peza, da que puntualiza que «é un traballo moi tradicional e moi contemporáneo ao tempo». No escenario, xunto a Peón, participan os bailaríns Fran Sieira e Miguel Sotelo.

O Certame de Coreografía de Danza Española e Flamenco tamén recolle o concurso de seis solistas e un apartado musical, ao que tamén optan os galegos. «A verdade é que teño moita esperanza na música», recoñece Peón, xa que con Pedro Lamas como director musical, na obra utilizaron música tradicionais dos seus arquivos persoais axeitada aos sentimentos que en cada momento querían transmitir nunha obra que fusiona danza tradicional, oriental e contemporánea. Quique Peón Cía actúa o segundo día das eliminatorias e cando se saberá se son os escollidos. De selo, levaranse no peto 6.000 euros, cantidade nada desprezable nun momento complicado para este tipo de propostas, aínda que o coreógrafo matiza: «Somos os únicos que non somos de pau flamenco, só iso é un premiazo».