Un combate teatral entre dous seres «fascinantes»

maría conde PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

Os pequerrechos, co Xabarín e Os Bolechas, de TVG.
Os pequerrechos, co Xabarín e Os Bolechas, de TVG. m. ferreirós< / span>

Luís Iglesia e Xabier Deive presentaron «Gaivotas subterráneas» en Culturgal

02 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

As compañías RTA, Talía Teatro e Voz Audiovisual trouxeron onte ao Culturgal parte da escenografía onde se representará a partir do 24 de xaneiro (Teatro Rosalía de Castro, A Coruña) a obra Gaivotas subterráneas. E, tras comezar os ensaios o pasado luns, os actores Xabier Deive e Luís Iglesia, que manteñen neste texto de Alfonso Vallejo todo un man a man creativo, tamén pisaron as táboas do escenario montado na Feira das Industrias Culturais en Pontevedra.

Para Iglesia, a montaxe pódese cualificar como «un thriller psicolóxico» no que, como di Xabier, dous amigos que non se viran hai tempo reencóntranse e comezan a deixar ver cousas do seu pasado. «Son personaxes que a cada reviravolta sorpréndense co que hai detrás... -sinala Iglesia- e estas dúas persoas son como dúas caras engarzadas que non se poden liberar un do outro».

Xabier interpreta a Nino, un traballador dunha empresa de seguros que chama a Mario (Luís Iglesia) para que lle axude a conseguir unha importante suma de diñeiro do seu seguro de vida. Ambos actores pensaron cando leron o texto que lles ían a dar o papel contrario, e non descartarían, polo menos como idea, ir intercambiándoos nas funcións. «Se cada ser humano é fascinante, as relacións entre seres humanos o son aínda máis e esta obra fala de dous seres fascinantes, que non bos, nunha situación un pouco especial», engadiu Iglesia.

Pola súa banda, Xabier Deive destacou a aposta das tres empresas que asinan a produción «que están poñendo todo o mellor de cada unha para que este proxecto saia adiante nestes tempos de incerteza nos que non sabe un como poder producir teatro, e está moi ben buscar outras vías». «Que haxa propostas como esta -subliñou Iglesia- é un risco, pero necesario para nós e para o resto do oficio. Que haxa vías de escape para que non pareza que todo é igual».

Luís Tosar e «Operación E»

Outra das visitas que causaron onte maior expectación no Culturgal foi a de Luís Tosar, quen presentou xunto a Farruco Castromán e Juan Pablo Tamayo o seu novo proxecto, Operación E, unha coprodución franco-hispano-colombiana que narra a «rocambolesca» historia do labrego Crisanto, quen recibiu a custodia do neno Emmanuel, o fillo de Claudia Rojas nacido no seu cativerio polas FARC. A película está rodada na selva colombiana, preto de onde se produciron os feitos que a inspiran e, como dixo Tosar, «é o contrapunto da historia oficial». O filme estréase o día 5 e o seu pase nas salas coincide coas conversas de paz entre o Goberno colombiano e as FARC.

Na feira presentouse tamén o festival Cantos na Maré, que terá lugar o 12 de xaneiro en Pontevedra con Rui Veloso, Chico César, Cheny Wa Gune e Sés, así como a nova programación infantil da TVG, comandada por Xabarín, Doraemon e Os Bolechas.