As notas rescatadas de Granell

O libro-disco «Música revelada» recupera a actividade sonora do artista


Santiago / La Voz

Son dous cadernos case íntimos os que conservan a composición musical que Eugenio Granell realizou anos despois de ter abandonado a súa carreira de violinista. Dous cadernos con apuntes investigados, transcritos e interpretados por un grupo de especialistas e músicos organizados arredor de aCentral Folque e da Fundación Granell. O resultado é Música revelada, un libro-disco con dous volumes e un cedé no que a figura de Eugenio Granell reaparece, no centenario do seu nacemento, como un compositor que nunca aparcou a actividade musica.

Hai arredor de tres anos que comezou un traballo que se presenta esta tarde en Compostela (Fundación Granell, 19.30 horas). Coordinada por Ramom Pinheiro, unha equipa comezou polo estudo das obras, realizado por Sonsoles Hernández, e seguiu pola edición e transcrición das partituras de Benjamín Otero e pola reunión dun cuarteto de músicos dirixido polo pianista cubano Alejandro Vargas.

Eugenio Granell tivo unha intensa carreira musical eclipsada pola repercusión posterior que tivo o seu labor como artista ou escritor. Estudou violín no Madrid de preguerra e, no seu exilio caribeño, chegou a ser primeiro violín da Orquesta Sinfónica de Santo Domingo que se convertería despois na nacional da República Dominicana.

Ramom Pinheiro explica que naquela altura «vivía máis da prensa que da orquestra e no momento que tivo que decidir escolleu seguir escribindo». Desde Santo Domingo marcha aos Estados Unidos e aí comeza, segundo Pinheiro, a historia dos cadernos que serven de punto de partida para esta revelación: «Son anotacións, ideas musicais, apuntes máis que obras acabadas nas que atopamos, sobre todo, moitas e moi boas melodías». Di Pinheiro que a intención de Granell para estas obras «non está clara porque tampouco fixo comentarios sobre elas e os cadernos tíñaos no estudo como quen fai bosquexos».

Nese mesmo estudo norteamericano Granell tiña unha guitarra e un violín e para os dous instrumentos vai tomando as notas sen datalas e sen facer outro tipo de indicacións. Explica Ramom Pinheiro que no conxunto deses dous cadernos hai unha constante: «Prima sempre a melodía e creo que poderiamos dicir que é unha colección marabillosa de melodías». Describe esas músicas como «ensoñacións de melodías galegas, como se fosen os recordos oníricos de música galega, como as suxerencias que lle producían».

Para gravar esta música escolleuse ao pianista cubano Alejandro Vargas para darlle un enfoque «máis próximo ao jazz, sen perder de vista o elemento caribeño e incorporar algúns elementos indixenistas que tanto aprezou Granell e os seus compañeiros surrealistas», segundo explica Pinheiro. O cuarteto base para esta formación, ademais de Vargas, son LAR Legido á percusión, José Manuel Díaz ao baixo e Mónica de Nut como vocalista ao que se engaden zanfona e gaita. O vindeiro domingo, no Gaiás (19.00 horas), será o concerto de presentación con toda a banda.

Votación
8 votos

As notas rescatadas de Granell