Luís Iglesia e Xabier Deive loitan en «Gaivotas subterráneas»

Luís Pousa Rodríguez
Luís Pousa A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Xabier Deive, á esquerda, e Luís Iglesia, onte, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
Xabier Deive, á esquerda, e Luís Iglesia, onte, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. paco rodríguez< / span>

A obra será a primeira coprodución de Voz Audiovisual, Talía e RTA

16 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Só dous personaxes e unha historia en escena. Un combate verbal e teatral. «É unha batalla entre dous actores, como en A Pegada ou en Pedro e o capitán, de Benedetti», suxire Luís Iglesia, un deses dous intérpretes que se baterá co seu compañeiro Xabier Deive para dar forma a Gaivotas subterráneas, unha peza na que se relata o reencontro de dous amigos da infancia. A obra, escrita por Alfonso Vallejo e dirixida por Artur Trillo, estrearase o vindeiro 24 de xaneiro nun espazo emblemático para a arte dramática galega, o Teatro Rosalía de Castro da Coruña, antes de iniciar unha xira por diversos escenarios galegos.

Ese día tamén estrearase a nova liña de colaboración entre tres empresas da industria cultural do país. Esta é a primeira coprodución de Voz Audiovisual, Talía Teatro e RTA. Carlos Carballo, director de Voz Audiovisual, subliñou a especial vinculación da compañía co mundo da escena e a participación na obra de dous actores emblemáticos da serie Matalobos.

Neste sentido, Luís Iglesia expresou a súa confianza en que «a televisión lle poda devolver agora ao teatro algo do moito que o teatro lle ten dado á televisión».

Tanto Carballo como Miguel Soto, director da empresa de servizos RTA, e Artur Trillo, de Talía Teatro, recalcaron a ilusión coa que abordan este proxecto conxunto, que suma as enerxías e a experiencia de tres compañías cun longo percorrido na acción cultural.

O actor Xabier Deive incidiu na calidade deste thriller escénico e resaltou a necesidade de manter no futuro a colaboración entre «tres empresas tan potentes». «É moi necesario que haxa este tipo de xuntanzas, que sigan e que haxa máis proxectos como este», apuntou. Deive explicou que agora afrontarán dous meses de intensos ensaios antes da estrea. «Será un pracer traballar de novo con Xabier. Lembro que a primeira vez que gravamos xuntos unha secuencia en Matalobos, eu tiña que darlle unha bofetada, e fun tan realista que case o deixo sen queixada [risos], pero descubrín que era un pedazo de actor», apuntou Luís Iglesia.