Ferrín reclama que a Xunta eleve a súa aportación á Academia

Luís Pousa Rodríguez
luís pousa REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez, fala con Ferrín na sede da Academia.
O conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez, fala con Ferrín na sede da Academia. césar quian< / span>

A RAG pide un trato similar ao que teñen as academias vasca, valenciá e catalá

29 oct 2012 . Actualizado a las 13:04 h.

Se os cartos non chegan de Madrid, haberá que xogar a baza da proximidade e buscalos en Compostela. O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, confirmou onte que, ademais de solicitar ao Goberno central que introduza unha emenda nos Presupostos Xerais do Estado do 2013 para corrixir á alza a partida de 341.000 euros que ten asignada a RAG para o vindeiro exercicio, tamén incluirá á propia Xunta na súa lista de reclamacións para que se complemente desde Galicia un orzamento que considera insuficiente e discriminatorio.

«Agora non podemos falar de discriminación por parte do Estado en comparación coa academia vasca e o Institut d'Estudis Catalans, xa que temos idéntica subvención e idéntico recorte, pero no que si estamos discriminados é no trato que reciben estas institucións dos Gobernos vasco e catalán e o que recibe a Academia Galega por parte da Xunta», sinalou Ferrín.

Outras academias

A Consellería de Educación e Cultura aporta anualmente aos fondos da RAG unha partida de 280.688,45 euros, «moi inferior», segundo subliñou o presidente da Academia, «ás axudas que reciben as academias vasca, catalá e mesmo valenciana por parte do Goberno vasco, da Generalitat de Cataluña e da Generalitat valenciana».

O Institut d?Estudis Catalans recibe, por exemplo, un forte apoio económico por parte da Generalitat, que só para o seu funcionamento ordinario aporta arredor do cinco millóns de euros ao instituto, mentres que a Acadèmia Valenciana de la Llengua obtén sobre tres millóns de euros anuais da Generalitat.

Ferrín destacou, neste mesma liña, que o lóxico é que sexa a Xunta quen apoie decididamente á «Academia propia» máis alá das axudas que poidan chegar por parte do Ministerio de Educación e Cultura e doutras institucións públicas e privadas.

Proposta rexeitada

O pasado mes de maio, PSdeG e BNG presentaran no Parlamento de Galicia unha iniciativa solicitando que se incrementara en 250.000 euros a asignación anual da Xunta á Academia, de forma que o Goberno galego aportase á RAG a mesma cantidade que lle outorgaba o Ministerio de Educación e Cultura (682.000 euros) nos orzamentos do 2012.

A proposta foi finalmente rexeitada cos votos da maioría popular, que xustificou a decisión polas dificultades económicas que está a pasar o país que que impiden elevar neste momento este tipo de partidas en detrimento doutras prioridades.