O Goberno reduce á metade a súa asignación á Academia Galega

Ferrín remite unha carta a Rajoy pedindo un trato xusto para a RAG


redacción / la voz

O Goberno central vén de aplicar unha drástica redución na asignación que o Ministerio de Educación e Cultura destina anualmente á Real Academia Galega nos Presupostos Xerais do Estado. O departamento que dirixe José Ignacio Wert aplicará de novo as xa célebres tesoiras ás axustadas contas da RAG, que pasarán dos 682.000 euros consignados no presente exercicio a exactamente a metade, 341.000 euros. Así consta no proxecto dos orzamentos do 2013 presentado polo Executivo de Rajoy, actualmente en proceso de trámite parlamentario, pendente aínda da súa aprobación definitiva e da posible introdución de emendas a proposta dos diferentes grupos.

Este recorte do 50 % é idéntico ao que sofren as partidas das academias vascas e catalá. Tanto o Institut d?Estudis Catalans como as dúas entidades vascas (a Academia da Lingua Vasca-Euskaltzandia e a Sociedade de Estudos Vascos-Eusko Ikaskuntza) pasan de recibir 682.000 euros a só 341.000.

A porcentaxe destes recortes é notablemente máis elevada ca que corresponde á Real Academia Española, que o 2013 verá caer os seus ingresos un 39 %, aínda que en cifras absolutas rexistra a caída máis importante, cun descenso desde os 3.122.500 euros do presente ano a 1.904.600 no vindeiro exercicio.

Nunha porcentaxe similar, arredor do 39 %, redúcense as partidas consignadas por Wert para as outras academias nacionais (de Farmacia, Historia, Belas Artes de San Fernando, Ciencias Exactas, Xurisprudencia, Enxeñería, Ciencias Económicas, etcétera).

Petición ao presidente Rajoy

Á vista destas cifras, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, anunciou onte que vén de remitir unha carta ao presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, para que asuma persoalmente a decisión de corrixir as contas elaboradas polo equipo de Wert, xa que considera que existe unha discriminación clara da RAG e das academias vascas e catalá fronte a institucións con moita menor actividade. «Neste caso non hai, como en anteriores ocasións, discriminación da Academia Galega fronte ás academias vascas e o Institut d?Estudis Catalans, que sofren todas un recorte do 50 % na súa partida, pero si hai unha discriminación das institucións de Galicia, Euskadi e Cataluña respecto ás academias españolas, ás que só se lles reduce un 39 % a axuda do ministerio», subliñou Ferrín.

O presidente da Academia Galega lembrou que a redución súmase aos recortes xa aplicados en exercicios anteriores. Comparando a partida prevista para o 2013 (341.000 euros) coa abonada no 2011 (un millón), o descenso nos ingresos da Academia é dun 66 %.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos

O Goberno reduce á metade a súa asignación á Academia Galega