Kalandraka obtén o Premio nacional ao mellor labor editorial

María Conde / Luís Pousa PONTEVEDRA, REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O selo pontevedrés é unha das grandes referencias do sector no xénero da literatura infantil

10 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O selo pontevedrés Kalandraka, unha das grandes referencias do sector no xénero da literatura infantil, obtivo onte o Premio nacional ao mellor labor editorial 2012 que concede anualmente o Ministerio de Educación e Cultura. A editorial impúxose ao resto de candidaturas «polo seu compromiso coa literatura infantil, destacando o coidado dos textos, xunto coa calidade da ilustración e a dedicación a xéneros máis complexos como a poesía. É, por isto, un referente en España e no estranxeiro», segundo subliñaron onte desde o ministerio.

«Pode simbolizar que sexa o broche dunha etapa que acabará en abril cando cumpramos quince anos, así que estamos en plena adolescencia. E supoño que pode simbolizar o recoñecemento a un traballo de anos. Pero cando se fala de dedicación a literatura infantil e compromiso ese é o noso leit motiv, é o noso sentido. Cando creamos este proxecto decidimos que nos dedicaríamos plenamente a este sector do libro», reflexionou onte Xosé Ballesteros, director do selo, tras coñecer a noticia da concesión do galardón.

Un traballo colectivo

«En todo caso, non é só un premio ao noso traballo como editores, senón tamén ao traballo colectivo, ao catálogo que temos, aos autores presentes, ao traballo dos ilustradores e ao da imprenta coa que traballamos, que está en Poio, e que teñen moito que ver con que os libros que nós facemos acaden esa factura de tan bo acabado», engadiu Ballesteros.

Unha das claves do crecemento de Kalandraka vén da súa forte implantación no estranxeiro, xa que, como apuntou o director do selo, actualmente ten oficinas en Portugal, México e Brasil e vende os seus títulos en diversos puntos de América Latina, Asia e Estados Unidos.