Presentan as candidaturas de Chus Pato e Fina Casalderrey á Academia

Redacción / la voz

CULTURA

O secretario da Academia explicou que quedan aproximadamente dous meses para que se celebre o plenario no que se decida cubrir a vacante

06 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A secretaría da Real Academia Galega recibiu dúas propostas formais para cubrir a vacante do plenario deixada polo pasamento de Xaime Isla Couto. As propostas foron entregadas na tarde do xoves na secretaría e as dúas levan nome de muller. Unha delas é Chus Pato e outra é Fina Casalderrey.

As dúas candidaturas foron presentadas formalmente coas firmas de respaldo de académicas e académicos. A de Chus Pato, coas firmas de Xohana Torres e Margarita Ledo, e a de Fina Casalderrey, cos apoios de Rosario Álvarez e Salvador García Bodaño.

Segundo explicou Xosé Luís Axeitos, estas son as primeiras candidaturas que se presentan para cubrir esa vacante, pero aínda queda tempo para a presentación doutras candidaturas. Neste sentido, o secretario da Academia explicou que quedan aproximadamente dous meses para que se celebre o plenario no que se decida cubrir a vacante.

Entre tanto, poden ser presentadas novas propostas para cubrir esa praza ou apoios novos para as dúas xa presentadas nesta mesma semana.

Antes de que finalice este ano, a Real Academia celebrará a sesión plenaria na que se decidirá o xeito en que se cobre a cadeira da RAG que quedou baleira co pasamento de Xaime Isla Couto.