Ramón Nicolás sinala que Celso Emilio foi «un símbolo para quen quería saír da longa noite»

Camilo Franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Ramón Nicolás presentou en Vigo a biografía de Celso Emilio.
Ramón Nicolás presentou en Vigo a biografía de Celso Emilio. M. ESTÉVEZ< / span>

O autor lanza unha biografía titulada «Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro»

29 sep 2012 . Actualizado a las 11:38 h.

Partindo «dunha devoción nada disimulada» Ramón Nicolás iniciou o relato da vida de Celso Emilio Ferreiro. Unha biografía publicada por Xerais baixo o título Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro e que foi presentado na tarde de onte en Vigo. Ramón Nicolás salientou a actitude vital do poeta destacando algúns feitos que poden quedar asolagados por tras da súa obra literaria, entre eles, «sobresae o labor titánico de organización das mocidades no galeguismo galego na Segunda República» ou o labor «poético creativo que seguiu realizando na guerra civil e que aínda é pouco coñecido».

O autor da biografía de Celso Emilio apunta tamén que o poeta «foi tremendamente popular en vida» e apuntou un paralelismo con Curros Enríquez «no proceso de mitificación en vida, un proceso que el viviu de lonxe e no que influíu que Celso Emilio representaba algo máis, simbolizaba a través das palabras os desexos de quen quería saír dunha vez da longa noite».

Asegura Nicolás que o escritor «ingresou moi novo na política por conviccións éticas» engadindo que o seu percorrido político seguiu sempre o camiño da «política galeguista, progresista e de esquerdas, sempre se definiu así».

Ramón Nicolás lembrou tamén que o poeta de Celanova foi perseguido a cerco pola policía franquista, o que forzou en parte o seu autoexilio en Venezuela, e tamén alá padeceu «a guerra que desataron contra el en Caracas» advertindo que «padeceu unha persecución nos distintos destinos profesionais que ía conseguindo».