Publican «Os lonxes do solpor», un libro inédito de Manuel María

O poemario, escrito no ano 1989, ve a luz da man da fundación do escritor

O volume vén de ser editado dentro dos actos de homenaxe ao poeta polo seu cabodano.
O volume vén de ser editado dentro dos actos de homenaxe ao poeta polo seu cabodano.

A Coruña / La Voz

«Non hai nada no mundo, nada/ tan fondo, lúcido e fermoso/ como a nidia claridade/ da palabra». Manuel María deixou palabras escritas que ahora saen a luz despois de estar silenciadas varios anos, tras a morte do poeta. «Un ama até aos límites / o impenetrábel misterio/ do silencio / e, para defendelo, usa / a forza poderosa da palabra». Estes versos están no inicio no libro Os lonxes do solpor, un poemario inédito que vén de publicar a Fundación Manuel María de Estudos Galegos.

«Manuel María dera a coñecer algúns destes poemas, pero de xeito moi aillado, en publicacións espalladas que ahora están esgotadas, algunhas incluso no estranxeiro; de calquera xeito, como libro esta é a súa primeira edición». Isto esplicaba Alberte Ansede, secretario da fundación do poeta. Despois de presentar Lúas de Outono 2012, o espectáculo co que a semana pasada se lembraba na Coruña o cuarto aniversario do pasamento do escritor, Ansede indicaba que aínda quedan outros textos inéditos.

Novo disco de Uxía

E foi precisamente nesa celebración, que tivo lugar no Teatro Colón, donde se estreou o disco Andando a terra. Uxía canta a Manuel María, un traballo que recolle unha ducia de poemas do escritor da Terra Chá interpretados pola cantante, entre eles pezas clásicas como O carro, con música de Baldomero Iglesias. «Fixemos unha versión un pouco diferente», dicía Uxía.

Ese disco acompaña o libro Os lonxes do solpor, un poemario que está formado por 33 composicións que o poeta «escribiu fundamentalmente nos finais da década dos oitenta do século pasado», apuntan os editores.

Ningunha das composicións do poemario leva título, aínda que están divididas en tres partes de once poemas cada unha. Son versos nos que «transparecen, con intensidade lírica, motivos como o tremor puro da palabra, a comunión coa terra amada ou a saudade polo tempo pasado e a crítica á dura e deshumanizada realidade do tempo presente», din desde a fundación.

A preocupación do escritor pola palabra aparece en composicións como esta: «O pobo que deixa perder a súa palabra / creada, herdada, usada, revelada, / aquela que lle é propia e singular, / a que é unicamente súa, / está empobrecendo o mundo / e perpetrando o seu propio xenocidio».

A saudade non está so nesa segunda parte do libro, pode atoparse nos versos cos que Manuel María abre o libro, e donde sae tamén o título da obra: «Os lonxes do solpor / serían, sen ti, / tristes e escuros».

E se nos poemas musicados por Uxía un deles está dedicado a Saleta, neste poemario a viuva do escritor tamén protagoniza outras composicións: «A terra faise en ti, / Saleta, sutileza, ...».

Este libro, que conta co patrocinio da Diputación coruñesa, complétase co DVD de Anxa González Refoxo e publicado por Pixel Films De amor e cantería, dedicado a Manuel María e que acadou o premio Mestre Mateo do ano pasado como mellor obra experimental.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

Publican «Os lonxes do solpor», un libro inédito de Manuel María