A narrativa curta domina o outono literario en galego

Camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

VÍTOR MEJUTO

Manuel Rivas e Ramón Caride volven ás librerías con libros de contos

17 sep 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Manuel Rivas, Agustín Fernández Paz, Ramón Caride, Santiago Lopo e Samuel Solleiro protagonizarán unha parte do outono narrativo galego. Algúns deles por partida tripla.

Rivas volverá a un tempo anterior en As voces baixas (Xerais). Volverá á narrativa breve e volverá á infancia como territorio literario. Un retorno a territorios literarios, pero con outro contexto, é do Ramón Caride que xa ten nas librerías Sarou/Louzós, (Xerais), dous mundos en dúas Galicias ligadas á biografía do autor e que marcan esa dicotomía da costa e do interior.

Agustín Fernández Paz estará presente por partida tripla. Publicará unha historia de princesas e dragóns en Zeralda e o dragón, (Galaxia), destinada ao público xuvenil. Para o mesmo público Malos tempos para os fantasmas (Xerais). E aínda unha das súas obras capitais, Cartas de inverno, aparecerá en Xerais en versión de novela gráfica da man de Antonio Seijas.

Tamén para o lector xuvenil unha historia artúrica de cando o futuro rei aínda era alevín. Xabier López conta en De canto Artur non era rei (Galaxia), esa parte da biografía que non se conta habitualmente. Noutra dirección e para outro público, Samuel Solleiro practica grandes doses de violencia en textos breves en Gran tiburón branco (Xerais).