Dez autores participan hoxe no Festival da Poesía do Condado

j. l. vigo / la voz

CULTURA

01 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A XXVI edición do Festival da Poesía no Condado, que se desenvolve en Salvaterra de Miño, está dedicado este ano á denuncia do sistema capitalista e á reivindicación dun futuro digno alén da crise. O lema Capitalismo é um feito, revoluçom um direito centra as actividades que empezaron onte coa inauguración dunha exposición de humor gráfico, na que se poden visionar traballos de Xaquín Marín, Pepe Carreiro, Gonzalo, Kiko da Silva, Ruth Caramés, Manel Cráneo ou Xosé Lois.

Lírica e música

Hoxe chega o día grande do festival coa festa poético-musical que comezará ás 21.00 horas nas murallas do castelo de Salvaterra de Miño. Presentado por Clara Gayo e Íria Pinheiro, na edición deste ano presentarán os seus textos Daniel Salgado, Xiana Arias, Roi Vidal, Eduardo Estévez, Ramiro Vidal, Susana Sánchez Aríns, Gonzalo Hermo, Silvia Penas, Claudio Rodríguez Fer e o mozambicano Adelino Timoteo. Na parte musical estarán O Sonoro Maxín, Cuchufellos, Sacha na Horta e Dios Que Te Krew.

Como cada ano, a Sociedade Cultural e Deportiva edita unha compilación de textos dos poetas participantes que se poderá adquirir hoxe no festival.