Avelino Pousa Antelo: «Non fomos mellores nin peores, vivimos o que nos tocou»

Camilo Franco

CULTURA

O histórico galeguista, entrevistado en La Voz en febreiro do 2012

20 ago 2012 . Actualizado a las 14:38 h.

Avelino Pousa Antelo contesta á galega. No mellor sentido. Non quere descontar méritos, pero tampouco quere sumalos. Forma parte dunha xeración que coñeceu unha Galicia sen auga corrente nas casas e que agora ten que asomarse a cousas como as facturas da telefonía móbil. Pero non cre que sexa un mérito: «Foi o tempo que nos tocou vivir e vivímolo o mellor que puidemos».

-¿Acepta que lle digan que é o último do galeguismo histórico, o patriarca da cultura galega ou esas cousas que lle din?

-Eu vouno levando. Non podo presumir de que se pasa ben porque non se pasa ben. Cando te arrimas aos noventa e sete, como os que eu teño agora, case cen, carallo, non se pasa ben. Se fose unha competición igual aínda me daban unha medalla e podía rir. Pero nesta competición na que estou xa sabemos cal é o final.

-Haberá moitísima xente que firmaría por chegar ata onde está vostede agora. Incluso algunha envexa espertará.

-Eu non teño envexa de ninguén e os anos que vivín, vivinos. Tampouco é mérito extraordinario ningún. ¿Tocoume a min ser lonxevo? Pois si. Pero non é un mérito.

-Tocáronlle anos moi movidos, con moitos cambios, con circunstancias complicadas. ¿Como os valora?

-É difícil facer unha valoración. Porque é difícil valorar as cousas que non dependen de un. O tempo pasou e eu deixeino pasar.

-Pero algunhas decisión difíciles tería que tomar.

-Eu fixen a miña vida normal. Fixen o que fun podendo en cada momento e non sei se podería facer máis, porque todo é mellorable, pero fun facendo todo o posible.

-Vostede formou parte dunha xeración considerada referente na historia de Galicia.

-Nós vivimos o noso tempo. Aprendemos moitas cousas dos nosos devanceiros, pero non todas, claro. Algunhas tivemos que aprendelas da práctica. Vivimos o tempo que nos tocou, pero non sei dicir máis.

-Hai algo que se di moito: a outras xeracións tocoulles un tempo máis complicado que ás de agora. ¿Cre que é así?

-Eu non sei se foi máis fácil ou máis difícil. Correspondeunos un tempo e non nos quedou máis remedio que bailar ao son que nos tocaba nese tempo. ¿Podía ter sido mellor? Podía. Calquera che sabe.

-Calculando de cincuenta anos cara acá, ¿cre que hoxe é todo máis fácil?

-En algúns aspectos, nalgúns aspectos a vida mellorou e tamén nós. Nalgúns. Noutros non se mellorou moito e case podemos dicir que fomos marcha atrás.

-¿Cre que hoxe é máis fácil ser galeguista?

-Non sei que che diga. Hai algo de todo. En algunhas cousas mellor hoxe, pero noutras non.

-Falaba vostede do que aprenderon dos devanceiros. ¿Perdeuse esa transmisión entre os vellos e os novos?

-Non che sei responder. É unha pregunta difícil de contestar porque non creo que teña unha soa resposta.

-¿Cales cre que son as cousas máis urxentes desa tarefa de facer Galicia, como vostede escribiu no seu día?

-Posme nun apuro. Porque non sería capaz de facer unha lista desas cousas. Hai moitas e todas son importantes e todas son urxentes.

-¿Cales son as cousas que máis lle preocupan diso?

-De Galicia preocúpame todo. Para dicirche polo miúdo cales me preocupan máis e cales menos tería que pensalo moi a modiño, non podería improvisar.

-¿Pero cre vostede que agora aos galegos lles preocupa moito Galicia?

-Eu creo que agora coma sempre. E no que ten que ver con nós, dentro dos medios que tivemos e aínda descontando que quizais non aproveitamos algúns, na maioría dos casos fixemos o que terían feitos outros no noso lugar. Non fomos mellores nin peores, vivimos ao son que nos tocaron. Eliximos o que nos pareceu que era mellor e pouco máis.

-E desa lista que non quere facer, ¿hai algunha cousa que aínda teña pendente?

-Agora case tería que adiviñalo e paréceme moito adiviñar. O pasado aí está e ensínanos algunhas cousas. Pero tampouco podemos dicir que todo o pasado estaba ben. No pasado tamén hai moito que rañar. De maneira que, dentro das nosas posibilidades, fomos facendo as cousas. Non digo que chegara outra xente e tería resolto mellor. Iso sempre pode ser. Pero tamén pode ser que alguén as fixera peor.

-Nos anos que andou polo mundo, tivo tempo de comparar cal era a situación de Galicia con respecto a outros países. ¿Encontrou que era peor a situación

en Galicia?

-En algunhas cousas a situación de Galicia era peor. Noutras cousas eu vía que poderiamos chegar a vivir coma eles. Entón preguntábanme que nos faltaba e non din cunha resposta sinxela. As veces pensaba se habería unha medicina que solucionase esas cousas.

-¿Aínda escribe?

-A verdade é que pouco. Escribo pouco. Vivo de lembranzas máis que de realidades vivas nas que eu tome parte.

-¿Cales son as lembranzas que dominan?

-Hai un pouco de todo. Pesan moito as lembranzas. Hai algunhas que pesan máis que outras. Hai circunstancias persoais, hai lembranzas da actividade

máis pública. Non todas pesan igual. Eu mesmo non sei dicir o porqué de que unhas e outras teñan peso diferente. Pero unhas contan máis que outras.

-Forma parte dunha xeración, xa non digo política, senón dunha xeración que asistiu a un cambio social, tecnolóxico, de modos de vida grandísimo. ¿Como viviu vostede todos eses cambios?

-Pois se disfrutaches de todos eses cambios entón podes estar contento. Se disfrutas deses cambios, deses progresos, ves pasar ese tempo con verdadeira ledicia de poder disfrutalo e considerándote, nalgún aspecto, un privilexiado con respecto a outros tempos nos que a xente vivía peor e non tivo a oportunidade de asistir a estas melloras que ti si tes. Pero todo isto non quita que un sempre é debedor dun pasado. E ese pasado tivo uns actores e a eses actores hai que lles recoñecer que fixeron o que puideron para que todo fose mellor.

-¿Pensa que o cambio tecnolóxico debilitou un pouco ese proceso de relación con xeracións anteriores? ¿Cre que dependemos menos da memoria?

-Agora hai máis oportunidades e máis cousas. Tamén hai máis cambios e quizais a xente estea máis atenta a vivir os cambios. Logo depende de se os viven para ben ou se non disfrutan deles.

-Cando se fixo a transición en España abríronse moitas expectativas. Desde a súa perspectiva, ¿cumpríronse?

-Hai de todo, como en botica. Hai cousas que se cumpriron, hai cousas que se fixeron a medias e hai cousas que nin sequera se empezaron. En xeral, creo que me alegrei máis daquelas que eran unha mellora evidente. E mirando desde o punto de vista práctico, sendo realistas, creo que se pode dicir que melloramos.

Tamén sei que hai moitas cousas que me cabrearon, pero non estou por facer listas. Ás veces pásame que estou distraído e, de repente, vénseme á cabeza algo que fixen e digo: «Carallo, xa puiden estar quieto daquela».

-¿Como se sente cando lle ofrecen homenaxes? ¿Séntese responsable por esa xeración da que forma parte?

-¿Responsable? Algo si, claro. Porque se un formou parte de algo e ese algo fixo cousas, uné en parte responsable desas cousas. Se as cousas se fixeron

ben, aínda que un sexa modesto, se tomou parte, ao mellor unha parte pequena ten que ver con el. Eu síntome a gusto de ter tomado parte, da positiva. Noutras cousas, pódese sentir certa decepción porque un non puido ou non quixo facelo mellor.

«É unha mentira como unha catedral que sexamos individualistas»

O cooperativismo foi un dos principais asuntos de estudo e de ocupación na vida de Avelino Pousa Antelo. Un sistema que o escritor considera que non se pode desbotar e que, segundo explica, podería axudar para saír da crise e para promover emprego.

-Vostede foi un dos grandes defensores do cooperativismo. ¿Foi esa unha opción que Galicia nunca acabou por desenvolver?

-Quedou a medias. Foi unha opción á que non se lle fixo moito caso. Os que nos preocupamos polo cooperativismo fomos tres ou catro e nunca tivemos mando en Gobernos nin en nada.

-¿Por que cre que non recibiu esa atención?

-Seguramente hai moitos motivos polos que non prendeu e non se impulsou. É difícil de contestar porque tamén hai en Galicia algúns exemplos de cooperativas que van ben e resisten. Por exemplo, Feiraco é unha supervivente en un ambiente pouco propicio e resulta unha cooperativa modélica.

-Cando falamos de crise económica, de problemas de mercado, de falta de traballo, ¿pensa que o cooperativismo segue sendo unha opción para reanimar a economía e o traballo?

-Por suposto que si. O cooperativismo non é algo a estrear. Non é algo que sexa descoñecido. É un movemento que ten moitos anos xa. Nalgúns países está demostrado. Eu sempre poño de exemplo Dinamarca. Eu visitei Dinamarca varias veces e foi un país con dificultades económicas. Un país modélico en moitas cousas e que desenvolveu o cooperativismo. Tampouco creo que se poida dicir que hai algo que sirve para todos, nin que con unha solución xa vamos amañar.

-Pero o de que non haxa máis cooperativas en Galicia non terá que ver con iso que nos apoñen aos galegos de que somos individualistas.

-Iso é unha mentira como unha casa, como unha catedral. Os galegos somos seres humanos como os outros. Así que temos virtudes e defectos. ¿Temos algunha virtude? Algunha debemos de ter. ¿Temos algún defecto? Algún debemos de ter. Non somos mellores que outros, nin somos peores. Valemos para o cooperativismo e para outra cousa calquera como os outros, non hai máis nin menos.