Morre o histórico galeguista Avelino Pousa Antelo

Finou no seu domicilio de Teo aos 98 anos


Santiago

Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao, faleceu a pasada madrugada no seu domicilio de Teo.

O histórico galeguista nado en San Xoán de Barcala, A Baña, en 1914 foi docente, cooperativista, escritor, político, animador cultural... Contaba 98 anos e sempre considerou Galicia como unha tarefa urxente. Con el desaparece a figura dun home que formou parte das Mocidades Galeguistas baixo a influencia directa dos líderes como Castelao.

No ano 1931 Avelino Pousa Antelo acudiu a un mitín no Teatro Principal de Santiago. Nese acto falaba Castelao e o seu discurso conseguiu que aquel mozo se achegase de por vida ao galeguismo. Pousa Antelo recoñecería esa influencia asegurando que non houbo en Galicia «unha xeración como aquela» referíndose á xeración Nós, un grupo co que Antelo mantivo una estreita colaboración mentres lle foi posible e un ideario ao que se mantivo leal toda a vida.

Como a todos os integrantes daquela xeración que sobreviviron, e que participaron nas Mocidades Galeguistas, tivo dúas etapas políticas, unha primeira antes da guerra civil, na que participa nas actividades de desenvolvimento do Partido Galeguista, e outra finalizada a ditadura. En 1978, Antelo participa na refundación do Partido Galeguista, do que foi secretario xeral e presidente.

Na longa noite de pedra entre o 36 e o 78 Avelino Pousa Antelo non puido exercer de mestre despois de que o goberno de Franco suspendese as oposicións de maxisterio que Pousa aprobara. Foi o campo e o cooperativismo a actividade que desenvolveu durante toda a súa vida, alternando coa docencia e a escritura.

Maña, a partir das 10.00 horas, os seus restos mortais poderán ser honrados no Concello de Teo, onde residía dende 1990 e de onde era fillo adoptivo dende o ano 2007. O acto cívico de despedida realizarase ás 19 horas no mesmo consistorio. Posteriormente, os seus restos serán incinerados.

Reaccións

O BNG expresou nun comunicado «o seu fondo pesar» polo falecemento de Avelino Pousa Antelo, a quen califica de «incansábel traballador a favor do pobo galego, da lingua galega e do medio rural». O PSdeG-PSOE tamén lamenta fondamente unha morte «que deixa un gran baleiro na cultura galega». Pola súa parte, o popular Antonio Rodríguez Miranda, tamén lamentou o pasamento pola «pérda que supón para Galicia».

A Fundación Castelao tamén quixo amosar «o seu fondo pesar polo pasamento de quen foi alento desta casa dende o momento da súa fundación». Ademais de amosar o seu pésame, dende a institución tamén se quixo lembrar os principais fitos de quen fora o seu presidente durante 23 anos, dende o ano 1989. Así, destaca que, durante o seu mandato, completouse a compilación da obra escrita do autor do Sempre en Galiza ou celebrouse cunha gran exposición o 50º aniversario do pasamento de Castelao.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
83 votos

Morre o histórico galeguista Avelino Pousa Antelo