«O 25 de xullo é un día poliédrico»

Luís Pousa Rodríguez
luís pousa A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

O presidente da Real Academia Galega reflexiona sobre a festa do 25 de xullo

22 jul 2012 . Actualizado a las 12:27 h.

Emilia Pardo Bazán conta na súa prosa minuciosa como desde a súa ventá contemplaba o Santiago a cabalo na fachada da igrexa onde nace o Camiño Inglés. O mesmo Apóstolo de pedra é hoxe o vixía da sede da Real Academia Galega, onde o seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, reflexiona nas vésperas do 25 de xullo sobre a nosa festa múltiple.

-Día de Santiago, de Galicia, da patria... Moitas denominacións para só 24 horas, ¿non?

-Pero ten unha denominación oficial que é Día Nacional de Galicia. É a que menos se usa, pero aínda se utiliza menos a denominación oficial de Galicia como nacionalidade histórica, que practicamente non a usa ninguén. Uns porque lles parece demasiado e outros porque lles parece demasiado pouco.

-¿E cando pasou de Día de Santiago a Día de Galicia?

-De todos os lugares simbólicos do país este é o máis moderno. O escudo pérdese na noite da Idade Media, a bandeira ten unha historia desde finais do século XIX, o himno tamén... Pero o Día de Galicia apareceu como unha proposta da asemblea das Irmandades da Fala en 1919 e celebrouse por primeira vez en 1920.

-E logo chegou a longa noite franquista.

-Durante o franquismo perdeu todo carácter institucional, aínda que se mantivo na emigración e permaneceu na memoria do galeguismo, que se reunía todos os anos en Santiago para a misa de Rosalía, que era un substitutivo dun acto político. Tan substitutivo que un deses días prenderon a Xaime Illa Couto e o levaron ante o Tribunal de Orden Público por cantar Venceremos nós á saída da misa de Rosalía.

-¿E como foi o famoso 25 de xullo de 1968?

-As cousas mudaron en 1968. Houbo unha grande campaña clandestina de milleiros e milleiros de octavillas chamando a unha concentración nacional en Compostela polo Día da Patria Galega. Houbo unha concentración... pero de policías e de soldados, que tomaron a cidade. E o único que se puido facer foi colgar unha pancarta que dicía: «Galicia ceibe e socialista». Pero naturalmente a manifestación non se celebrou.

-¿No caso de Galicia non sería mellor un Día da Matria?

-Si, desde logo, e esa palabra xa ten sido usada. Cando escribe Valentín Paz Andrade o seu pranto por Castelao chámalle Pranto matricial, pola matria.

-¿Vostede non será máis do 17 de maio que do 25 de xullo?

-Non, pero o feito de que coincidan na mesma data diferentes celebracións, unha festa nacional, unha festa relixiosa, o patrón da arma de Cabalería, o patrón de España... fai que o 25 de xullo se produza unha intersección de vectores que xeran certo ruído mediático.

-¿Será que o día é poliédrico, como os propios galegos?

-Si, é un día poliédrico, con moitas facianas.

-De todos xeitos, a data non ten volta atrás, ¿non?

-Eu non estaba en 1919 reunido coas Irmandades da Fala, se non tería votado en contra do 25 de xullo, pero agora xa é demasiado tarde. É o Día de Galicia e estarei en Santiago.

-¿Desde cando vai a Compostela polo 25 de xullo?

-Pois desde rapaz paseino xa en todas as idades. Fun á misa de Rosalía, que era a misa que concitaba o maior número de ateos que eu coñezo, estiven tamén no de 1968... E ata hoxe.

-¿E como foi evolucionando a data?

-O maior cambio para min foi cando se levaron a feira de gando, o polbo e os postos da feira da carballeira de Santa Susana. A festa tiña ese espírito popular que se perdeu. Estaban no medio da carballeira as vacas e os porcos, os charlatáns, os músicos cegos... Foi unha perda tremenda para Santiago, porque iso dáballe sentido ao 25 de xullo.

-¿Que libro recomendaría para ler ou reler o mércores?

-É unha obviedade, pero un dos últimos textos de Castelao, un discurso que se chama Alba de Groria, porque fala do 25 de xullo e é unha peza oratoria moi brillante.