Un autor que cultiva a poesía, a narrativa, a crónica e a literatura para lectores mozos

La Voz

CULTURA

19 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Fran Alonso (Vigo, 1963) traballa no eido da edición -dende 1992 forma parte do equipo de Edicións Xerais de Galicia- e é autor dunha longa e sólida traxectoria na que cultivou tanto a narrativa como a poesía ou a crónica xornalística e as narracións para lectores mozos. Entre os seus títulos destacan Tráiler, unha novela coa que gañou en 1991 o Premio Blanco Amor, e Males de cabeza, unha colección de relatos arredor da tolemia. A súa achega narrativa é o volume Ninguén, do 2011. Doutra banda, a súa poesía foi recollida no volume Subversións.

No eido xornalístico acadou gran éxito con Territorio ocupado, unha crónica sobre a situación do pobo saharaui, mentres que no capítulo de literatura infantil e xuvenil conta con títulos como Cidades, Cartas de amor ou o recente O meu gato é un poeta. Tamén é responsable da antoloxía lírica Poetízate.

Toda a súa obra se caracteriza por un desexo de renovación formal e un posicionamento rebelde e inconformista, que lle confiren unha unidade temática e estilística, sexa cal sexa o xénero empregado.