Galicia celebrará os 150 anos dos «Cantares» de Rosalía

Uxía López Rodríguez
uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

CULTURA

Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, na sede da Casa da Matanza de Padrón.
Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, na sede da Casa da Matanza de Padrón. merce ares< / span>

A Fundación, a Xunta, a Academia e a Universidade de Vigo colaborarán nos actos do aniversario

11 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Con «orgullo e esperanza» saíu o presidente da Fundación Rosalía de Castro de Padrón, Anxo Angueira, do encontro que onte mantivo co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, do que destacou a «receptividade e apoio total» aos proxectos e actividades da institución cultural padronesa, en especial aos actos conmemorativos do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, que se celebrarán o vindeiro ano.

O escritor Anxo Angueira acudiu a audiencia con Núñez Feijoo acompañado do presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, e do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, organismos que tamén participarán nos actos do 2013. No seu nome e no destes últimos, o presidente da Fundación Rosalía agradeceu «enormemente» a «acollida» de Núñez Feijoo e o «apoio institucional e económico» que o presidente da Xunta «comprometeu» para a celebración do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos.

Ese apoio da Xunta aos proxectos e iniciativas da Fundación Rosalía tamén foi destacado dende o gabinete de comunicación do propio Núñez Feijoo, que subliñou o «espírito de colaboración e sintonía» entre ámbalas dúas institucións e que se verá reforzada, «máis se cabe», ao longo do vindeiro ano nos actos conmemorativos do 150 aniversario do poemario.

Neste sentido, Anxo Angueira contou que lle expuxo ao presidente da Xunta o programa de actividades que se celebrarán, que son de «diversa índole» e que darán «a coñecer no seu momento». O escritor de Dodro aproveitou a ocasión para lembrar que a Galicia actual é «herdeira» dunha data e dunha publicación, 1863 e Cantares Gallegos e, por tanto, tamén «dun rostro, o de Rosalía de Castro», de aí que destaque a importancia da conmemoración do 2013 e tamén o apoio e colaboración prestada onte polo máximo responsable da Xunta, nunha conversa da que Anxo Angueira dixo saír «orgullosísimo».

Antes desa data, a Fundación Rosalía de Castro conmemora este domingo, como cada 15 de xullo, o 127 aniversario do pasamento da autora e faino cun acto pola tarde na Casa Museo de A Matanza que reunirá, como é habitual, a unha ampla representación da cultura galega.