A Costa da Morte presume de lingua e rende homenaxe aos seus propios autores

c. abelleira / e. eiroa CARBALLO / LA VOZ

CULTURA

As Festiletras do Couto son, no seu 30.º aniversario, un referente en Galicia

18 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A Costa da Morte é unha potencia en variedades dialectais do galego, e por iso presume de lingua cada 17 de maio a través de infinidade de actividades que se desenvolven dun extremo a outro da supracomarca. Pero tamén é un territorio orgulloso dos seus autores, algúns, como Gonzalo López Abente, protagonista do Día das Letras de 1971, e outros, como Enrique Labarta Pose, aínda pendente de obter o recoñecemento da Real Academia Galega malia a insistencia dos seus veciños de Baio. Os dous reciben cada ano a súa propia homenaxe. Onte, ademais, celebráronse ducias de actos en toda Galicia polo Día das Letras.

Pero é nunha pequena aldea do municipio de Ponteceso onde o Día das Letras Galegas acada cada ano a súa maior efervescencia. As Festiletras do Couto, organizadas dende hai 30 anos por un activo movemento asociativo, son hoxe un referente en Galicia. Ata o domingo están a pasar por ese pequeno recuncho Xosé Neira Vilas, As Cantareiras de Ardebullo, Jorge Mira, Xabier Díaz, Guadi Galego, Miguel Mato, Xabier P. Docampo e moitas outras figuras das artes e da literatura galegas.

O de onte foi un día especialmente concorrido, porque os veciños do Couto renderon homenaxe a tres Bos e Xenerosos -a actriz Uxía Blanco, o crego Xosé Pumar e o Mago Antón- e a trinta persoas que teñen colaborado coas Festiletras ao longo doutros tantos anos de historia. Onte naceron os premios Queixumes, pero renováronse vellas tradicións, como a de depositar flores aos pés do monólito que lembra a Eduardo Pondal -homenaxeado no Día das Letras Galegas de 1965- no adro da igrexa na que foi bautizado hai 177 anos. E renovouse tamén o compromiso dunha parroquia enteira co patrimonio da lingua.

López Abente

A Fundación López Abente tamén honrou onte a memoria do poeta muxián, finado no 1963. Un grupo de escritores fixeron de guías nun percorrido no que repasaron a historia de Muxía nos tempos de López Abente e a súa figura. A homenaxe ao autor quedou plasmada en dous momentos especiais; no primeiro descubriuse unha pedra gravada na que se le, ás portas da casa onde viviu, que alí morou López Abente, e a segunda é unha placa no cabo da Grixa, a zona onde naceu.