O soño de don Paco cumpre 50 anos

Coa homenaxe a Rosalía de Castro, nacía, o 17 de maio de 1963, o Día das Letras Galegas


redacción / la voz

De cando en vez bastan dous folios para cambiar o curso da historia. Son suficientes dúas páxinas mecanografadas nunha daquelas máquinas que hoxe son carne de museo para facer xirar o porvir dunha cultura, dun idioma. Estas dúas están datadas en «Vigo, a 20 do mes de marzal do ano 1963».

Asinan o documento os académicos Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, que propoñen con asombrosa ousadía á Real Academia Galega conmemorar o centenario da edición dos Cantares gallegos de Rosalía «con carácter de perdurabilidade». «O millor xeito de o conseguir sería que se acordase decrarar Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano, a partir do presente», apuntan no seu escrito. Estaba a nacer unha festa que hoxe cumpre 50 anos. Medio século da propia biografía de Galicia que se trazou, chanzo a chanzo, desde Rosalía ata Valentín Paz Andrade.

Permiso obrigatorio

Aquela «interesantísima proposición» aprobouse o 28 de abril na xuntanza que fai a Academia no pazo municipal de María Pita. Pero, en plena ditadura franquista, ían caendo os días e o 14 de maio de 1963, a só 72 horas da celebración do que ía ser o primeiro Día das Letras Galegas, na Academia aínda se agardaba pola chegada do obrigatorio permiso do Ministerio de Información y Turismo, que dirixía Manuel Fraga Iribarne.

O réxime, sempre vixiante, tiña que autorizar unha celebración na que se quería exaltar «el latido material de la actividad intelectual gallega», segundo constaba na carta que o daquela presidente da Academia, Sebastián Martínez Risco, lle remitira a Fraga Iribarne o 30 de abril.

«Suplico a V. E. respetuosa y encarecidamente se digne aprobar la mencionada declaración, dando, al propio tiempo, las pertinentes órdenes a fin de que sean permitidos en todo el territorio nacional los actos conmemorativos que en el referido día habrán de tener lugar, cuyos programas serán presentados previamente, para su visado, en las respectivas delegaciones provinciales de Información y Turismo», rezaba a misiva, que dá unha idea de en que momento histórico veu ao mundo o Día das Letras Galegas.

Ao cabo, a autorización

Ese mesmo 14 de maio chegou finalmente a autorización gobernativa asinada por Serrano Castilla, o delegado na Coruña do ministerio que aparece logo como acompañante da Academia nas dúas únicas fotos que se conservan dos actos daquela xornada fundacional: a ofrenda na tumba de Murguía en San Amaro e a visita dos académicos a Gala Murguía de Castro, filla da homenaxeada ese 17 de maio e do autor de Os precursores.

Materializábase así o soño de don Paco de que Galicia tivese o equivalente ao 23 de abril cervantino. E hoxe, medio século máis tarde, aquel soño aínda latexa nas antigas e rexas palabras deste idioma milenario.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos

O soño de don Paco cumpre 50 anos