Reunión de familia na rúa Tabernas

Luís Pousa Rodríguez
luís pousa A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

La Voz obsequia á RAG con 50 caraveis brancos polo Día das Letras

16 may 2012 . Actualizado a las 21:11 h.

«Isto é como unha reunión dunha extensa familia que se reúne para falar dos avós». O presidente da Real Academia Galega, o poeta Xosé Luís Méndez Ferrín, glosou nun só parágrafo o espírito do encontro. Coincidían de novo na emblemática sede da rúa Tabernas, La Voz de Galicia e a Academia, dúas institucións que desde hai máis dun século converxen na reivindicación e defensa do idioma e a cultura do país.

Quizais por iso a cerimonia tivo un cordial aire de festexo. O propio Ferrín chegou ao renovado salón de actos da Academia e, o primeiro de todo, detívose uns minutos a falar cos 25 nenos do colexio Dominicos da Coruña que ocupaban moi formais os seus bancos. Os asombrados cativos tiñan diante a un dos autores que saen nos seus libros de texto. A escena repetiuse logo con Manuel Rivas. Os alumnos, de primeiro a cuarto de secundaria, tiveron a súa parolada co escritor e académico, a quen interrogaron (moi cordialmente) sobre a súa narrativa. Os máis devotos da súa prosa mesmo fixeron colleita de fotos e autógrafos do autor de A lingua das bolboretas.

Xa na apertura da presentación do volume Valentín Paz-Andrade, xornalista para un país, o director de La Voz, Xosé Luís Vilela, ofreceu á Academia un agasallo especial polo 50.º aniversario do Día das Letras Galegas, que se cumpre mañá xoves. «É unha monza de cincuenta caraveis brancos, un por cada 17 de maio», explicou Vilela, que lembrou que a palabra monza aprendeuna de cativo dun dos homenaxeados neste medio século de Letras Galegas: o gran escritor muxián Gonzalo López Abente.

Coincidiron onte na sede da Academia o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo; o editor de La Voz de Galicia, Santiago Rey Fernández-Latorre; o titular da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; e o alcalde da Coruña, Carlos Negreira. En representación da RAG encontrábanse os numerarios Xosé Luís Axeitos, Andrés Fernández-Albalat, Salvador García-Bodaño, Manuel González, Bernardino Graña, Luz Pozo, Ramón Villares e o académico electo Pegerto Saavedra. Tamén asistiron o delegado do Goberno, Samuel Juárez; o presidente do Colexio de Médicos da Coruña, Luciano Vidán; o fiscal superior, Carlos Varela; o secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez; o catedrático Manuel Sánchez Salorio; e os secretarios xerais da Xunta Valentín García e Alfonso Cabaleiro.

No histórico salón da Academia estiveron o director xeral de La Voz de Galicia, Lois Blanco; o xerente da corporación, Santiago Pérez Otero; o director de lavozdegalicia.es, Tomás García; o columnista de La Voz Vicente Leirachá, o director da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, José Francisco Sánchez; e o director comercial do xornal, Carlos Quintana.