La Voz presentou na Real Academia Galega o libro «Valentín Paz-Andrade. Xornalista para un país»

O volume poderá adquirirse o xoves co xornal polo prezo dun euro


La Voz de Galicia presentou esta mañá na sede coruñesa da Real Academia Galega o libro Valentín Paz-Andrade. Xornalista para un país, co que o xornal se suma á celebración do Día das Letras Galegas e que se ofrecerá este xoves polo prezo dun euro mais o custo habitual do diario. O volume recolle unha selección de artigos escritos por Paz Andrade ao longo da súa vida, moitos deles publicados por La Voz de Galicia, e conta con dous estudos introdutorios a cargo de Tucho Calvo e Xosé Luís Axeitos.

O director de La Voz, Xosé Luís Vilela, lembrou a importancia de Paz Andrade no desenvolvemento do xornalismo moderno en Galicia, e subliñou como algúns dos principios que a figura que será homenaxeada este día 17 seguen vixentes no eido da comunicación, como difundir información e contidos culturais, divertir e crear un foro de discusión. A isto último tamén se referiu o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, quen fixo fincapé na defensa de Paz Andrade do xénero do editorial nos diarios, porque «crea debate, e o debate crea criterio».

Pola súa banda, Xosé Luís Axeitos gabou o «espírito construtivo» de Paz Andrade á hora de afrontar os problemas de Galicia, pola que sempre profesou «lealdade e fidelidade». Tamén uniu os conceptos de xornalismo e Galicia o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen definiu a práctica do periodismo como «inseparable da recuperación da conciencia galega», con enerxía e audacia, pero tamén con «elegancia intelectual», un estilo do que Paz Andrade sería exemplo elocuente.

O presidente da Real Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, manifestou que os artigos que recolle a escolma presentada «non perderon vixencia» e reflicten ao Paz Andrade que buscaba a transformación da sociedade a través do xornalismo. Ferrín tamén lle expresou ao presidente de La Voz, Santiago Rey Fernández-Latorre, sentado ao seu carón no acto, a satisfacción por escribir con este libro, un novo capítulo na colaboración entre Academia e xornal, que arrancou no mesmo nacemento de ambas entidades.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos

La Voz presentou na Real Academia Galega o libro «Valentín Paz-Andrade. Xornalista para un país»