La Voz convoca a 12.ª edición do Premio de Novela por Entregas

Luís Pousa Rodríguez
luís pousa REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Os textos dos lectores serán de novo os protagonistas de Relatos de Verán

15 may 2012 . Actualizado a las 15:48 h.

As letras galegas atoparán de novo este verán un espazo referencial nas páxinas de La Voz de Galicia. O xornal vén de convocar o xa clásico Premio de Novela por Entregas, que acada agora a súa duodécima edición. Tamén cumprirá trece anos este agosto a sección Relatos de Verán, aberta á participación dos lectores de La Voz.

Novela por entregas

Para optar ao galardón hai que presentar unha novela inédita (e que non aspire de forma simultánea a outros premios), escrita en galego e dividida en 31 capítulos de idéntica extensión (3.500 caracteres, con espazos incluídos). A obra gañadora publicarase ao longo do mes de agosto nas páxinas de La Voz e na web do xornal, e o seu autor recibirá un premio de 6.000 euros. O prazo de presentación de orixinais permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de xuño (incluído). Os autores deberán enviar catro copias da obra en papel e unha en formato PDF gravada nun cedé ao enderezo «12.º Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia. Avenida da Prensa, parcelas 84 e 85. Polígono de Sabón. 15142 Arteixo (A Coruña)». No sobre incluirase unha plica pechada cos datos do autor.

Relatos de verán

Páxinas abertas á participación dos lectores. As páxinas literarias de La Voz abriranse de novo en agosto á participación do público. A partir do vindeiro 15 de xuño e ata o 15 de xullo permanecerá aberto o prazo para remitir textos á sección Relatos de Verán. Os interesados en optar á publicación da súa obra no xornal e na súa edición electrónica deberán remitir ao enderezo relatos@lavoz.es un texto que non supere os 2.100 caracteres (con espazos incluídos), escrito en galego ou castelán, e que sexa inédito. Os orixinais tamén se poden enviar por correo ordinario ao enderezo «13.ª Edición dos Relatos de Verán de La Voz de Galicia (Premio dos Lectores). Avenida da Prensa, parcelas 84 e 85. Polígono de Sabón. 15142 Arteixo (A Coruña)». Un xurado designado pola organización seleccionará as narracións que se publicarán en agosto en La Voz e serán os propios lectores, a través dos cupóns que aparecerán no periódico, os que votarán os gañadores nas dúas categorías (un para autores que aínda non teñan 16 anos cumpridos e outro para os que teñan ou superen esa idade).

Galardóns

Dúas categorías. O gañador na categoría de menores de 16 anos recibirá un iPad 2 + wifi de 16 GB. Para o autor do relato máis votado entre os maiores de 16 anos o premio será unha caixa regalo Kaleidoscopio de 500 puntos con máis de 7.500 actividades para combinar (xentileza de Vibo BCD Travel). Todas as persoas que participen na votación enviando os cupóns entrarán no sorteo dun lote de libros de Biblos Clube.