«Temos que traballar de cara á cidadanía»

nacho mirás SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

11 may 2012 . Actualizado a las 11:41 h.

«Penso que o cargo de presidente da Sociedad General de Autores está sobrevalorado -di Antón Reixa (Vigo, 1957)-. Recibín mensaxes de amigos dos que non sabía hai anos; incluso chamou o presidente da Xunta». A SGAE que encabeza Reixa afronta unha etapa que se caracterizará pola descentralización e por un novo achegamento á cidadanía.

-¿Cales son as primeiras medidas que vai tomar?

-O primeiro foi falar cos empregados da casa, porque van ser os nosos mellores cómplices para a rexeneración da SGAE. Hai moitas cousas internas, pero temos que traballar tamén de cara á cidadanía de xeito que o cambio se vexa. E imos acometer a reestruturación da rede comercial, fundamentalmente implementándoa de máis elementos de relación cos clientes. E ser moi estritos co control económico e con todas as débedas que nos afectan.

-¿Xa ten o retrato completo da situación económica?

-Coñecemos en números o que lle temos que pagar aos bancos. Pero hai que facer moitas indagacións. O que se viña descubrindo dentro da operación Saga, en relación coa provisión de sistemas informáticos, pode quedar pequeno porque, cuantitativamente, son moitos máis euros de investimento e iso dá a impresión de que facilitou unha rede corrupta de provedores, de que se pagaron sobreprezos.

-¿Venderán patrimonio?

-Non queda outro remedio. E gran parte dese patrimonio non ten sentido, nin para os autores nin para o público, son infraestruturas que xa existen na oferta institucional e comercial.

-¿O futuro de Arteria Noroeste?

-A sede de Santiago non será Arteria Noroeste, será a Casa dos Autores ou algo así. Implementaremos espazos para que as asociacións de autores teñan alí o seu sitio, fomentando o asociacionismo e contando cun dispositivo técnico e escénico adecuado. Hai un propósito moi descentralizador da SGAE, de pegala ao que é o territorio e acurtar esa distancia de seiscentos quilómetros co pazo de Longoria, en Serrano.

-¿Dixo vostede que a banda ancha en Internet non era necesaria, tal como denuncian nalgúns foros?

-Hai unha descontextualización perversa do que dixen. Eu son un adicto á banda larga, contradiríame se dixese que non é útil. O que dixen é que a voracidade comercial dos grandes operadores á hora de vender conexións de banda ancha fomentou as prácticas ilegais, porque a principal virtude da banda ancha para os usuarios é descargar contidos de moito peso. Pero a banda ancha é unha vantaxe tecnolóxica da que todos gozamos e que hai que implementar.