PP e oposición votarán por separado a emenda da RAG

camilo franco / rodri garcía REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Os populares piden situar a academia galega ao mesmo nivel que as institucións catalana e vasca

09 may 2012 . Actualizado a las 12:12 h.

O Congreso dos Deputados debate esta mañá as emendas destinadas a cambiar a asignación económica que o Ministerio de Educación y Cultura destinará este ano á Real Academia Galega. Das tres emendas presentadas por PP, PSOE e Bloque, é a primeira a que sairá aprobada, segundo o grupo parlamentario popular e que situará á RAG ao mesmo nivel que as institucións similares de Cataluña e o País Vasco.

Mentres o PP dá por feito que a dotación para a Academia será de 682.000 euros, incrementando en 301.000 o disposto na primeira redacción dos presupostos, para o PSOE, esta cantidade significa rebaixar o orzamento da RAG en máis de 300.000 euros en relación co ano anterior.

Para os socialistas galegos a súa emenda reclama unha dotación mellor para a Academia cunha cantidade de 980.000 euros para a institución, «a mesma que se destinou no anterior exercicio». Guillermo Meijón asegura que o PP non quere votar a emenda socialista, nin a do BNG, que reclama unha cantidade similar, e apunta que se os populares queren apoiar á RAG «deben aprobar a emenda do PSOE». Pola súa parte, o PP sinala que a súa emenda iguala á galega co resto das institucións, agás a española.

Funcionamento parcial

«O funcionamento require uns mínimos económicos e a Xunta de Galicia debería tomar máis en serio o financiamento da Academia», afirmou onte Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da institución, nun encontro co fiscal superior de Galicia. Tamén lamentou a discriminación do goberno central coa RAG por vía presupostaria. Segundo Ferrín, o presuposto consignado só permite manter algunhas actividades como as de lexicografía ou a gramática, pero outras permanecen paralizadas por falta dos medios para sufragalas.