A Barrié honra «a irrepetible figura» de Valentín Paz Andrade

rodri garcía A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

CÉSAR QUIAN

A Fundación exhibe os seus fondos con orixinais do xornal «Galicia»

03 may 2012 . Actualizado a las 13:16 h.

«Y toda la tierra gallega, cuyo nombre ostentamos por corona y por lema, encontrará en nosotros nueva luz para sus problemas y aliento generoso para sus empresas reivindicadoras. Hoy más que nunca, en estos tiempos de general despertamiento, de revisión y de inquietud, es cuando la voz de las colectividades conscientes debe encontrar órganos libres que la recojan y la eleven eficazmente...». Isto dicía no seu primeiro número o diario Galicia, publicado o 25 de xullo de 1922 e que desde onte protagoniza na Fundación Barrié a exposición A Galicia do Galicia. José María Arias explicou que con esta mostra a entidade que preside quería honrar «a irrepetible figura de Valentín Paz Andrade».

Arias afirmou que as páxinas deste diario, publicado ata o día 15 de setembro de 1926, «garda moitas das claves para entender o que está pasando». Como música de fondo soa na exposición a muiñeira para piano titulada Galicia diario de Vigo, escrita por Faustino Temes. Aínda que na cabeceira figuraba ese subtítulo, a mostra explica que o periódico se xestionou en gran parte no hospital militar da Coruña, onde se atoparon Manuel Antonio, «que non quería ir á guerra de África» e Paz Andrade, que volvía dela. Foi Manuel Antonio o que gardou gran parte do material que agora se expón, xa que os seus familiares llo pasaron a Domingo García-Sabell e este á Fundación Barrié.

Un país novo e rico

O presidente da Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, destacou a vontade de Paz Andrade de «facer de Galicia un país novo, un país rico que tiña que ter unha vida económica de seu». A exposición, comisariada por Xosé Luís Axeitos, inclúe debuxos de Castelao publicados na portada do Galicia.