O PSOE pide que a Xunta financie á Academia coa mesma cantidade que o Estado

camilo franco SANTIAGO /LA VOZ

CULTURA

Considera que debe ter máis papel no financiamento porque «ao cabo é unha das máis importantes institucións galegas»

01 may 2012 . Actualizado a las 06:58 h.

O PSOE presentará unha proposta no Parlamento de Galicia para conseguir un maior financiamento para a Real Academia Galega. O argumento central da proposta, que será presentada esta mesma semana, é que a Xunta de Galicia debería financiar á Academia nunha contía non menor á que realiza o Estado.

Segundo a idea do PSOE galego, non ten sentido que o Goberno central consigne unha achega máis grande da que a Xunta de Galicia dispón para unha entidade como a que preside Xosé Luís Méndez Ferrín, cos cometidos e proxectos que ten en marcha e que, segundo aclarou o deputado autonómico Francisco Cerviño, «ten uns cometidos tan importantes para Galicia».

Segundo Cerviño, a rectificación por parte do Goberno central da asignación para a Real Academia, equiparándoa ás institución similares de Cataluña e o País Vasco, «soluciona en parte o problema da Academia» pero considera que a institución precisa dunha «estabilidade económica que non a someta todos os anos aos problemas de saber se vai contar ou non con financiación».

Para o actual vicepresidente segundo do Parlamento, a Xunta debe ter máis papel no financiamento da Academia porque, segundo explica, «ao cabo é unha das máis importantes institucións galegas».

Dáse por feito que o presuposto con que contará a Real Academia recibirá do Goberno central 682.000 euros, tras a la emenda introducida polo PP e as presentadas polo Bloque e o PSOE.

A achega da Xunta para a Academia durante o 2011 non chegou aos 300.000 euros e todos foron destinados a proxectos finalistas.

Francisco Cerviño asegurou que era necesario unha aportación constante para que a Academia «poida traballar de xeito estable e con proxectos a longo prazo».