A RAG agradece a «rectificación» do Goberno central nos presupostos

camilo franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Méndez Ferrín asegura que é «un triunfo da conciencia política galega»

29 abr 2012 . Actualizado a las 11:26 h.

O Goberno central dotará á Real Academia Galega con 682.000 euros no seu orzamento deste ano, 301.000 euros máis do que figuraba inicialmente no presuposto para este exercicio. A emenda introducida polo PP tras as propostas polo BNG e PSOE garante que a RAG terá un nivel orzamentario equiparable ao das institucións catalás e vascas.

O presidente da Real Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, asegurou onte que esta noticia comportaba para a institución «satisfacción e certa tranquilidade» e expresou o agradecemento a «todas as forzas políticas que evitaron que se cometera unha inxustiza».

Méndez Ferrín explicou que o cambio na partida orzamentaria destinada á RAG era «un triunfo da conciencia política galega» lembrando que os tres partidos con representación galega no Congreso manifestaran o seu apoio á institución que preside. Tamén subliñou Ferrín que é de agradecer que o PP desde Galicia presentase unha emenda que «rectificase unha situación» que, segundo xa tiña explicado en días pasados, «a ninguén lle parecería ben».

Para o escritor e presidente da Academia Galega o cambio na partida destinada á RAG supón que a galega «é tratada como calquera das outras academias». «Sempre pensamos que isto era de xustiza, pero non só para a Academia senón tamén para o país», engadiu Ferrín.

A equiparación da Real Academia Galega coas institucións similares, sobre todo a catalá e as dúas vascas, foi o argumento central nas emendas presentadas esta semana polas tres forzas políticas. Ferrín recordou que non se trataba de que a «Academia non acepte os recortes que todas están aceptando, senón de que recibamos o mesmo trato». Na circunstancia actual, e unha vez que a emendas presentada no Congreso polo PP sexa aprobada, a Real Academia Galega disporá dunha partida de 682.000 euros para afrontar un exercicio con moitos proxectos académicos e celebracións, como o 50 aniversario da creación do Día das Letras Galegas. Ferrín sinalou que «hai que agradecer o papel realizado polos deputados galegos en Madrid, de todas as forzas e do partido no Goberno».

«Temos que agradecer o papel realizado polos deputados galegos en Madrid»

Xosé Luís Méndez Ferrín