O Goberno elevará ata 680.000 euros a asignación da Academia

camilo franco / luís pousa REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A partida da RAG nos Presupostos será similar á das institucións catalá e vasca

28 abr 2012 . Actualizado a las 07:02 h.

Os Presupostos Xerais do Estado destinarán, finalmente, 682.000 euros para financiar a Real Academia Galega. Esta nova cifra supón un incremento de 301.000 euros sobre a partida de arredor de 380.000 euros prevista inicialmente para a RAG, e que a deixaba a moita distancia das cantidades consignadas para as institucións académicas vascas ou catalá ou mesmo doutras academias nacionais doutros xéneros.

Na tarde de onte presentáronse diferentes emendas pedindo a equiparación das asignacións que debe recibir a Real Academia Galega ao longo deste ano procedentes do Ministerio de Educación y Cultura con outras institucións. Deste xeito, tanto PP, PSOE como BNG presentaron peticións neste sentido, nas que se pedía un trato máis igualitario da corporación galega coas outras academias.

O propio Partido Popular presentou na tarde de onte a súa proposta para que as institucións académicas catalá, vasca e galega teñan o mesmo trato económico nos Presupostos Xerais do Estado. Segundo esta emenda presentada onte no Congreso dos Deputados, a Real Academia Galega recibirá 301.000 euros adicionais sobre o montante inicial previsto, de maneira que no texto definitivo dos orzamentos figurarán as academias ou institucións homólogas cunha cifra similar de 682.000 euros de dotación por parte do Goberno central.

A introdución da emenda por parte do grupo parlamentario do PP, con maioría absoluta na cámara, pode considerarse xa como definitiva e, segundo fontes deste partido, supón devolver á Real Academia ao lugar que xa se conseguira para ela nos presupostos anteriores, os primeiros que equiparaban a dotación económica para a RAG coas outras academias.

A proposta do PP supón, segundo o partido no Goberno, un recoñecemento para o carácter e a importancia que ten a institución que preside Xosé Luís Méndez Ferrín.

A partida de 682.000 euros asignada finalmente á RAG reduce o millón de euros que tivo o pasado ano, pero este recorte será similar ao que o Goberno aprobou para todas as institucións académicas e, segundo fontes do PP, supón un axuste noutras partidas do ministerio. A Xunta amosou onte a súa satisfacción pola tramitación da emenda, que «representa as xestións realizadas polo Goberno autónomo e o seu compromiso coa Real Academia».