Galicia festexará na rúa o medio século de vida do Día das Letras Galegas

La Voz

CULTURA

28 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

«O 17 de maio é a maior festa cultural europea polo seu carácter popular e participativo e agora entra na idade madura, no medio século». O presidente da Real Academia Galega, o poeta Xosé Luís Méndez Ferrín, subliñaba onte, na presentación dos actos conmemorativos do seu 50.º aniversario, o espírito aberto e plural do Día das Letras Galegas, nacido en maio de 1963 en plena ditadura.

«Isto é moito máis que unha roda de prensa. É un momento histórico. Estamos a celebrar os 50 anos do Día das Letras e vénseme á memoria 50 anos da miña vida, porque eu xa estiven nos actos do primeiro 17 de maio en Lugo, nun salón baixo un retrato de Franco e xunto ao gobernador militar de Lugo. Eu estaba francamente asustado», lembraba Ferrín. O presidente da RAG destacou a participación de La Voz de Galicia no aniversario da emblemática data e recordou a histórica relación entre a corporación e o xornal «desde a mesma fundación da Academia, entre outras cousas pola amizade de Fernández Latorre con Murguía e Martínez Salazar». La Voz sumarase á conmemoración, coa publicación dun libro dedicado ao autor homenaxeado este ano, Valentín Paz Andrade, e un suplemento especial sobre os 50 anos do 17 de maio.

O patrocinio das empresas

Á convocatoria da Academia tamén se unirán outros medios de comunicación, institucións públicas e empresas privadas, como Repsol ou Gadisa, que patrocinan a edición por parte da RAG do libro Todas as letras do Día das Letras Galegas, do que se distribuirán 30.000 copias entre os alumnos de secundaria de Galicia. O volume recolle un texto sobre cada protagonista da xornada escrito por un académico, segundo explicou o secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos.