Falece Xaime Isla Couto, o último dos fundadores da editorial Galaxia

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O intelectual, de 97 anos, promoveu o Seminario de Estudos Galegos

26 abr 2012 . Actualizado a las 07:05 h.

Tiña 97 anos e como tantos membros da súa xeración foi un home con moitas tarefas e unha causa: Galicia. Xaime Isla Couto morreu onte en Vigo tras unha vida na que participou nos momentos claves do galeguismo ao longo do século XX.

Nacido en Santiago, educado en Pontevedra e cunha intensa relación vital con Vigo, Xaime Isla Couto participou en distintas etapas da súa vida na fundación e promoción de movementos e institucións que debían contribuír á vertebración de Galicia. Na súa biografía figuran momentos claros da súa circunstancia vital e da súa vocación política que se manifestou de xeito temperán. Asegurou nunha entrevista para o Arquivo da Emigración do Consello da Cultura que na escola participara nun «grupo escolar ao servizo da República». «Eu proclamei a República catro horas antes de que se proclamase en Madrid no ano 31», afirmou.

Participou na posta en marcha do Seminario de Estudos Galegos, unha institución que tivo unha influencia decisiva na súa vida: «Foi nela na que eu decidín cambiar a miña intención de estudar filosofía por estudar economía». Finalmente estudaría Maxisterio e Comercio. Tamén participou na posta en marcha da Federación de Mocidades Galeguistas.

O impacto da guerra

A Guerra Civil tronza polo medio unha gran parte dos proxectos de Isla Couto e os seus compañeiros de xeración, pero para el había «un patrimonio moi importante que conservar e transmitir». Foi en 1950 cando pon en marcha a empresa cultural que ata onte aínda presidía de xeito honorífico. Xunto con Ramón Piñeiro e Fernández del Riego puxo en marcha unha editorial, Galaxia, como cabeza dun proxecto que ía alén dos libros e que promovería a normalización do galego e a preocupación por disciplinas como a economía e a socioloxía. O actual director xeral de Galaxia, Víctor Freixanes, describiu a Isla como un «home cunha capacidade para conciliar puntos de vista distintos», e explicou tamén que a súa obra non foi escrita, pero foi grande porque foi «un dos grandes sementadores e creou moitas conciencias galeguistas». Freixanes asegurou que a maneira de Couto de ver o galeguismo non era só cultural, «era tamén a da empresa, a da economía, e tiña unha idea moi avanzada da economía social».

Ao longo de onte numerosas institucións lamentaron a desaparición de Isla Couto. Mentres o Consello da Cultura Galega salientou o «inequívoco compromiso galeguista», lembrando a súa tradución da Biblia ao galego, o presidente da Xunta sinalou que o finado foi «un infatigable impulsor do progreso da nosa cultura» recordando a fundación da Revista de Economía de Galicia. A Real Academia emitiu un comunicado no que o definiu como «patriota cristián, sabio e xeneroso».