Feijoo reivindica a cultura na homenaxe a Paz-Andrade

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

No Día do Libro, Xerais publica a edición facsimilar de «Galicia como tarea»

10 may 2012 . Actualizado a las 19:49 h.

«Reivindicamos o papel da cultura nun momento no que ao mellor poderíamos ver outras prioridades, pero necesitamos os códigos da cultura», afirmou onte o presidente da Xunta de Galicia durante a presentación da edición facsimilar do libro Galicia como tarea, de Valentín Paz-Andrade, que tivo lugar en Vigo. Alberto Núñez Feijoo engadiu que o seu Goberno recoñece «a industria cultural porque tamén constrúe o país».

«Valentín Paz-Andrade entendeu que a supervivencia dos galegos como pobo diferenciado non depende soamente da existencia de institucións, nin de proxectos empresariais frutíferos, senón tamén da presenza permanente dunha cultura viva. Soubo que as grandes obras non se sustentan soamente en criterios políticos ou económicos, senón tamén en pautas que alimenten o espírito», manifestou o presidente.

A homenaxe tivo lugar co gallo do Día Internacional do Libro, que coincide co 114.º aniversario do nacemento de Valentín Paz-Andrade, figura central este ano do Día das Letras Galegas. O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; e Alfonso Paz-Andrade, fillo de Valentín, ofreceron diferentes visións do homenaxeado e sobre a obra que onte era recuperada co ruído de fondo das protestas dos funcionarios contra os recortes. «Isto é Vigo», dixo Méndez Ferrín, aludindo ás «voces airadas», para engadir que Galicia como tarea é un «programa político do nacionalismo galego durante o franquismo». O presidente da Real Academia Galega non dubidou en outorgarlle o cualificativo colosal á figura de Paz-Andrade.

Ramón Villares, pola súa banda, sinalou que o libro agora recuperado é singular e pioneiro pola súa interpretación moderna. O presidente do Consello Galego da Cultura explicou que o libro afronta a estrutura galega do seu momento, o horizonte económico e a temática cultural. «Valentín Paz-Andrade considera a cultura como un elemento significativo para ter unha marca no exterior», engadiu Ramón Villares.

Esquecemento superado

A parte máis sentimental e reivindicativa do acto chegou coa intervención de Alfonso Paz-Andrade. «Tiveron que pasar 26 anos da súa morte e 114 do seu nacemento para que o lembraran porque moitos decidiron esquecelo antes de estudalo», afirmou.