A Academia nomea membro de honra a Carlos Zubillaga

a. l. a coruña / la voz< / span>

CULTURA

Recoñece así o importante labor que o uruguaio fixo pola cultura galega

22 abr 2012 . Actualizado a las 07:09 h.

Fillo de emigrantes nacido en Montevideo no ano 1941, Carlos Alberto Zubillaga Barrera nunca esqueceu de onde viñan as súas raíces galegas, e durante corenta anos non parou de investigar e promover a cultura e a lingua desta comunidade. Este foi un dos motivos que levaron á Real Academia Galega (RAG) a concederlle onte a distinción de académico de honra, nun acto que estivo presidido polo responsable da entidade, Xosé Luís Méndez Ferrín, e onde os académicos Ramón Villares e Darío Xohán Cabana foron os encargados de acompañar ao homenaxeado na súa entrada ao salón de actos.

Preto dunha hora e media durou o seu discurso de ingreso, que levou por título Relixión e relixiosidade na temperá emigración galega, onde recordou polo miúdo a vida e a historia dalgún dos emigrantes que lograron poñer en pé en Uruguai varias capelas e outros símbolos relixiosos. Foi o caso de Francisco Rodríguez, un capitán de milicias experto no deslinde e medición dos campos, que levantou un templo a carón da súa vivenda, «para prover de socorro espiritual aos habitantes da zona», explicaba na petición que fixo ás altas instancias relixiosas do país.

Cruces de pedra

Asemade, Carlos Zubillaga recordou a Antonio Baltazar Pérez, outro galego que se instalou na zona de Arrollo Seco e puxo un marcha unha igrexa, para a que incluso fixo traer unha imaxe desde Galicia. A vida e obra do sacerdote Manuel Amenedo Montenegro tamén ocupou parte da intervención do novo académico de honra da RAG, que explicou como este crego loitou por ter un templo en San Carlos de Maldonado, e aínda que lle ofreceron regresar a Galicia, el preferiu quedarse ao lado dos seus fregueses. Por último, Zubillaga falou no seu discurso das «cruces de pedra no Montevideo antigo», que foron promovidas por dous irmáns galegos, José e Luis Fernández, e dos que dixo que foron exemplo de como, a pesar da distancia xeográfica, quixeron manter «as representacións máis significativas da relixión galega» en Montevideo.

O expresidente da Real Academia Galega Xosé Ramón Barreiro Fernández foi o encargado de darlle a resposta a Zubillaga, a quen definiu como un exemplo vivo da confluencia de valores, e do que destacou a xenerosidade e a paixón coa que dedicou corenta anos a defender os dereitos dos galegos.