Os recortes forzan á Academia a manexar un presuposto deficitario

camilo franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

CESAR QUIAN

Ferrín pide «unha emenda poderosa» contra a redución do Goberno

19 abr 2012 . Actualizado a las 07:05 h.

A executiva da Real Academia Galega celebrou onte unha reunión, na que asumiu que o ano 2012 será deficitario por causa do recorte de máis de 600.000 euros realizado na achega do Estado á institución.

Segundo explicou o seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, ao remate da reunión, nela abordouse o problema económico derivado desta redución, entre outros asuntos. Ferrín admitiu que por esta razón o presuposto está en cifras negativas, pero sinalou que aínda quedan detalles por completar.

Durante a mañá, o presidente da RAG estivo en Lugo para asinar a renovación do acordo que mantén coa Deputación lucense e que supón unha achega de 12.000 euros para os fondos da institución. Tras rubricar o convenio, o presidente da RAG pediu aos deputados galegos en Madrid unha «poderosa emenda que deixe de discriminar a Galicia e á lingua galega».

Méndez Ferrín subliñou que aínda é cedo para dar cifras definitivas sobre a situación financeira da RAG, e indicou que hai que agardar a que se resolvan os procesos que están abertos agora. Neste sentido, o presidente confía na reacción producida en diversas institucións e colectivos tras coñecerse o recorte do 62 % por parte do ministerio.

Ferrín lamentou nas súas declaracións que o galego «sexa considerado un idioma de cuarta fila», constatando que é a cuarta Academia en función dos recursos que obtén do Estado. O presidente sinalou que a institución «non está en contra dos recortes porque esta é unha época difícil, pero as rebaixas deben ser para todos por igual e non para uns máis e para outros menos».

Neste sentido, Ferrín pediu que haxa «unha emenda poderosa apoiada de xeito unánime e co consenso de todos os deputados galegos no Congreso, tanto do PP, como do PSOE e do BNG, para acabar cunha situación que non é aceptable».

Desde Madrid, o deputado do PSOE por Pontevedra Guillermo Meijón acusou ao Goberno de «discriminación» na redución da asignación á RAG. Meijón quixo rebater a afirmación do subsecretario de Educación, quen asegurou que a redución para todas as academias fora dun 15 %. Meijón lembrou que o recorte para a galega foi dun 62 % e considerou que o PP «está facendo un exercicio de hipocrisía financeira tentando xustificar o que non é xustificable».