O Goberno central recorta nun 62 % a súa asignación á Academia Galega

camilo franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

VÍTOR MEJUTO

As institucións de Cataluña e o País Vasco só sufriron axustes do 22 % nas súas partidas

15 abr 2012 . Actualizado a las 07:02 h.

Os presupostos xerais do Estado teñen prevista unha asignación para a Real Academia Galega (RAG) de 380.840 euros. Esta cifra supón unha rebaixa orzamentaria do 62 % sobre o ano anterior, no que a mesma partida dispuña de un millón de euros redondo para a RAG.

O recorte de 619.160 euros é, tanto en cifras absolutas como relativas, o maior realizado polo Goberno central para calquera das institucións de rango e cometidos similares aos que ten a academia que preside Xosé Luís Méndez Ferrín. A comparativa de datos entre os dous exercicios, que se pode consultar no documento do Ministerio de Hacienda, reflicte un recorte en todas as institucións que ronda o 20-25 %, tres veces menos do axuste na asignación da Academia Galega.

Ademais da redución para este ano, a asignación que o Goberno central destina para a RAG estreárase no pasado exercicio do 2011, cunha década de retraso con respecto as institucións catalá e vasca. Fontes da Real Academia confirmaron onte estas cifras, explicando que non foran notificadas oficialmente por parte do Goberno e que, polo tanto, descoñecían os motivos dunha redución que consideran inxustificada.

Comparando coas institucións de similar carácter á galega, a redución ten unha porcentaxe parecida nos casos do Institut d?Estudis Catalans, que pasou de 976.468 euros no 2011, aos 761.650 previstos para o 2012. O recorte, no caso catalán, supón un 22 % menos.

Ese 22 % é a mesma porcentaxe de redución que ten a Academia de la Lengua Vasca, ao contar dun ano para outro con 107.410 euros menos, pasando de 488.250 a 380.840 euros. Pero o caso vasco ten unha particularidade porque o ministerio que agora é de Educación y Cultura, e que o ano pasado era só de Educación, ten dúas partidas diferentes para institucións vascas. Ademais da Academia figura nos presupostos a Sociedad de Estudios Vascos-Eusko Ikaskuntza, que o ano pasado recibiu 649.490 euros e que este ano recibirá 324.750. Neste caso, a redución está por riba da media do conxunto, chegando ata o 49 %, aínda así moi por debaixo do recorte da galega. Sumadas as dúas institucións vascas que reciben fondos do Goberno central, a porcentaxe de redución quedaría no 35,7 %.

Outros casos evidencian que o recorte xeral medio non se aplicou no caso galego. Por exemplo a Asociación de Academias de la Lengua Española recibirá 143.820 euros este ano fronte aos 169.810 obtidos o ano pasado, o que supón un 25 % menos.

A achega especial que a Real Academia de la Historia recibe para a actualización e mantemento do polémico Diccionario Biográfico Español tamén pode ser un caso a ter en conta. No 2011, esta publicación recibiu 193.390 euros. Este ano ten unha partida de 163.790 euros (outro 25 % de recorte). Esta achega, ademais, ten un carácter extraordinario posto que a Academia da Historia recibirá, segundo os orzamentos deste ano 2012, un total de 753.720 euros, fronte aos 889.930 do 2011. A redución para esta academia volve situarse como nos casos anteriores no 25 %.