Seis María Casares fan de «Citizen Total» a mellor obra da temporada

camilo franco A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

EDUARDO PEREZ

04 abr 2012 . Actualizado a las 07:01 h.

Vinte e cinco anos de compañía e vinte de Sala Nasa, incluíndo a súa desaparición, fixeron falta para que Chévere gobernase os premios María Casares como onte gobernou grazas a Citizen Total e os seis galardóns conseguidos por esta obra, entre eles os de mellor espectáculo e mellor dirección.

A gala dos premios do teatro galego comezou onte pola noite na Coruña dando a benvida «ao gran teatro das ruínas», segundo o presidente do colectivo de actores, Antonio Durán Morris, como unha advertencia da circunstancia pola que atravesa o sector entre recortes, orzamentos e ceses. Esa circunstancia foi unha das grandes protagonistas da noite sen saírse da comedia e sen deixar de dar o espectáculo.

Entre esas ruínas, a compañía Obras Públicas foi guiando unha «flexible» cerimonia na que o mesmo se reinterpretaban os clásicos escénicos que se lembraban os espazos escénicos caídos durante o pasado ano por causa de crise.

O protagonismo de Chévere comezou cando os responsables do que ata hai uns meses foi a Sala Nasa recibiron, xunto co premio de honra Marisa Soto, a aclamación dos asistentes postos en pé, antes de que Xesús Ron explicase que a sala foi un «éxito colectivo» estragado pola «pouca mala xente que queda entre nós». Ron asegurou que «o teatro e a cultura non son parte do problema, son parte da solución».

Desa solución falou o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, homenaxeando á profesión e asegurando no manifesto que «o teatro é unha actividade salvadora sempre, para a liberdade humana e, moi concretamente, unha dimensión da literatura e da cultura que moito, moito, moito ten contribuído a tirar a nosa lingua da miseria». Ferrín desexou «mil premios María Casares máis para o teatro e para a lingua galega».

O presidente dos actores lembrou que os grandes dramaturgos contemporáneos parecían ser «Lehman Brothers» e apuntou que a profesión escénica fóra capaz de logros como seguir sobrevivindo «aos recortes de funcións e ser un dos sectores morosos da sociedade». Coa mesma ironía, Evaristo Calvo recordou que algún leva «máis tempo no teatro que os anos que leva existindo o partido que goberna en España e Galicia».

«O teatro e a cultura non son parte do problema, son parte da solución»

Xesús Ron