Os moitos seguidores do traballo de Pinto & Chinto en La Voz ou nos seus libros reatoparanse coa marca da casa: un humor surrealista, «con elementos do nonsense», como di Carlos López, pero no que non faltan nin a tenrura nin a imaxinación. «Hai un contaxio do que facemos no xornal», asume Pintor, «o que significa que buscamos sempre a risa, extraendo o mellor humor de cada personaxe».
Existe unha nova achega ao apartado gráfico. David Pintor: «No xornal somos fieis a un estilo, a unha continuidade, pero nos libros gústanos explorar outro tipo diferente de debuxos. Noutros libros tiraba máis por unha liña clara, máis lírica, pero neste os lectores atoparán un rexistro diferente».