As bibliotecas de Galicia celebran o Día do Libro Infantil

c. franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O Salón pontevedrés cerrou a súa edición 12+1 superando os vinte mil asistentes ás súas actividades

02 abr 2012 . Actualizado a las 17:26 h.

A celebración hoxe do Día do Libro Infantil terá nas bibliotecas galegas un dos seus principais argumentos. Un programa de actividades diferente para cada un dos centros, e que terá como puntos fundamentais as bibliotecas nodais, porá fincapé na participación dos lectores máis novos, nos contacontos e nos obradoiros.

Unha das actividades comúns será a lectura do manifesto escrito para esta ocasión Francisco Hinojosa que, co título Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro, será lido en todas as bibliotecas galegas.

Repartidas polas principais bibliotecas galegas as actividades permitirán aos nenos achegarse máis ao mundo dos libros para eles. No caso de Pontevedra e Santiago, as dúas bibliotecas da rede galega ofrecerán dúas exposicións de libros de Hans Christian Andersen. En Vigo abrirase a mostra baixo o título Peter Pan viaxa ao país dos libros, unha mostra que se irá ampliando conforme se vaian engadindo novos exemplares. De xeito particular, na biblioteca de Pontevedra todos os nenos que utilicen o seu servizo de préstamo recibirán un libro como agasallo.

Salón do libro

Especialmente dedicado ao xénero infantil, o Salón do Libro recén clausurado en Pontevedra fixo balance duna edición que se deu en numerar como a 12+1. Segundo os datos dos organizadores a afluencia a este salón que se veu celebrando no Pazo da Cultura de Pontevedra superou os 20.000 participantes.

Esta afluencia, na que se contan tanto cativos como adultos, repartiuse polas numerosas actividades que ao longo do Salón se foron celebrando. Desde as homEnaxes como a ofrecida a Paco Martín, como os concertos para bebés ou as obras de teatro con pases concertados con centros escolares. Salientando a alta participación tamén nos obradoiros ou nas actuacións da Banda de música de Salcedo ou nas actuacións de danza.