O sector escénico advirte do perigo da súa desaparición

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Vázquez Abad asegura que Cendán foi destituída por «ineficiencia»

28 mar 2012 . Actualizado a las 13:06 h.

Con moita máis xente da que cabería dentro do Salón Teatro o sector escénico galego celebrou o Día Internacional do Teatro, nun acto que culminou diante das portas do teatro do Centro Dramático Galego e que serviu para dúas cousas, «conmemorar o teatro e reivindicar unha saída para o que consideramos o desmantelamento do sector», segundo os manifestos lidos durante o acto. A manifestación arrancou despois das sete da tarde na Alameda con lemas como «censura tras censura é unha ditadura», en referencia ao cese de Blanca Cendán, e «o teatro é noso e non dos morosos», en referencia ás débedas da Agadic coas compañías.

Non poder realizar o acto non impediu que se presentase en sociedade a nova plataforma que agrupa a todos os colectivos relacionados co mundo escénico galego, compañías, intérpretes, danza, circo, ilusionistas, festivais, e outros colectivos. Antonio Durán, Morris, presidente dos actores, explicou que a intención era que a actividade fose unha «mani-festa-acción», pero sinalou que as circunstancias cambiaran: «Non poden evitar que sigamos coa intención de celebrar o día e de reclamar que non se desmantele o noso sistema cultural». Salvador del Río, que preside as compañías de teatro, declarou que a situación actual obrigaba a denunciar unha serie de circunstancias que, desde as «débedas da Administración ata os recortes nos presupostos, fan pensar na posible desaparición do sector». Na manifestación tamén se preguntaron os representantes das asociación convocantes, constituídas xa como plataforma, pola situación do CDG e volveron considerar unha forma de censura non permitir que se poidan utilizar «as instalacións dun teatro que é de todos». Colocados fronte ao Salón Teatro, os membros do sector escénico leron fragmentos de manifestos do Día do Teatro doutros anos. Lino Braxe lembrou que a escénica «é unha profesión que ten tres mil anos, e non todas poden presumir do mesmo».

Destitución de Cendán

O cese da que foi directora do CDG tamén tivo protagonismo na manifestación de onte. O conselleiro de Cultura e Educación sinalou, antes da manifestación, que os motivos da destitución que sinalaba Cendán non gardan relación coa realidade. Vázquez Abad rexeitou «as cuestións referidas pola propia exdirectora» e sinalou que os argumentos «non teñen nada que ver coa realidade que levou á consellería a cesar á responsable do CDG». «Cuestións de índole de eficiencia, de xestión, de organización e de actitudes foron as que levaron a tomar a decisión», engadiu Vázquez.

Cendán, que asegurou que non quería unha guerra de guerrillas co asunto, sinalou que ela sacou adiante «a produción máis grande do CDG, A ópera dos tres reás». «Non sei onde están os problemas de xestión», engadiu, ao tempo que indicou que a xestión do CDG sempre está tutelada pola Agadic.