O cese de Blanca Cendán foi infantil, di o sector escénico

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

25 mar 2012 . Actualizado a las 08:01 h.

O sector escénico galego considera que o cese de Blanca Cendán como directora do Centro Dramático Galego é unha demostración máis da «falta de plan para o teatro galego», segundo coinciden Antonio Durán, Morris, presidente dos actores, e Salvador del Río, presidente de Escena Galega. Os dous representantes lamentan o cese e que a destitución responda como argumento principal a cesión do Salón Teatro para a conmemoración do Día Internacional do Teatro. Pola súa banda, a Consellería de Cultura e Educación comunicou á Plataforma das Artes Escénicas a súa negativa a utilizar o teatro do CDG.

Salvador del Río, presidente da asociación na que se agrupan boa parte das compañías galegas, considera que o cese de Blanca Cendán é «unha demostración máis da falta de apoio da Administración ao sector». Antonio Durán, Morris, que preside o colectivo dos actores galegos, considera que a destitución foi «infantil» e que responde a unha falta de «plan para o sector».

Del Río sinala que o Goberno está «asfixiando ao sector de varias maneiras, recortando os cartos, retrasando os pagos e tamén cesando á directora do CDG».

Morris sinala que a consellería «malinterpetrou a convocatoria para o Salón Teatro; non é un acto reivindicativo, é unha marcha festiva, con actuacións e cunha lectura dun manifesto que denuncia a situación do sector». Para Salvador del Río, o que molesta na consellería é que aparecese a palabra reivindicación ligada ao acto, pero «teñen que aceptar que o teatro non é deles, é de todos».

Tanto Morris como Del Río apuntan que o acto vai adiante e que comezará igualmente na Alameda e rematará nas portas do Salón Teatro. A Agadic comunicou cun correo electrónico firmado polo director da axencia que o Salón Teatro só podía ser utilizado para fins culturais ou artísticos, un requisito que o sector considera que a convocatoria de plataforma escénica galega cumpría con el porque, segundo Morris «o previsto son actuacións, circo e música». Del Río considera que a actitude da consellería provocará unha reacción contraria «á que eles esperan porque a reivindicación será moito maior agora».